TomTom pon á venda este mes un par de reloxos deportivos

luns, 1 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Os fabricantes de navegadores GPS levan uns anos intentando manter o seu negocio diversificando e, aparte de vender dispositivos para automóbiles (negocio en clara decadencia), están a entrar con forza no ámbito deportivo a través de navegadores para deportistas, e este mesmo mes é TomTom quen colocan no mercado un par de reloxos de pulso con GPS, o TomTom Runner e o TomTom Multi-Sport, que inicialmente póñense á venda nos EE.UU.
Hoxe mesmo chega ás tendas estadounidenses o TomTom Runner por 169,99 dólares, mentres que o TomTom Multi-Sport non chegará ata finais de mes a un prezo de 199,99 dólares, diferenciándose en que o último está optimizado para a práctica de varios deportes, incluíndo ciclismo e natación, polo que resulta ideal para a práctica do tríatlon e inclúe accesorio para axustalo no guiador da bicicleta e conta cun sensor dedicado a rexistrar o movemento dos brazos ao nadar.

O TomTom Multi-Sport está adaptado para rexistrar a práctica da natación

Ambos reloxos teñen un deseño delgado (o módulo de reloxo ten un grosor de 11,5 milímetros), permite rexistrar carreiras en interiores, utilizan a última tecnoloxía GPS e GLONASS (conseguindo un xeoposicionamento rápido e preciso), a súa pantalla táctil é resistente a rabuñaduras e golpes á vez que pode lerse con facilidade, soportan auga ata unha profundidade de 50 metros, teñen unha autonomía de ata 10 horas e poden enlazarse por Bluetooth cun sensor cardíaco.


Vídeo promocional do reloxo TomTom Runner


O TomTom Multi-Sport visto en vídeo

PUBLICIDADE