TomTom Telematics crea unha solución aberta para os vehículos de uso compartido

venres, 5 de xuño do 2015 Redacción

A unidade de negocio adicada ás solucións de xestión de frotas e os servizos telemáticos para vehículos do fabricante TomTom, coñecida como TomTom Telematics, vén de anunciar o lanzamento dunha solución que empregará a tecnoloxía de plataforma aberta da compañía, para apoiar as operacións sustentábeis de carsharing (uso compartido de vehículos) en Europa. Deste xeito, o integrador especializado en tecnoloxía e en redes de vehículos AttainIT une forzas con TomTom Telematics de cara á introdución do seu software de reserva de coches e datos das baterías eléctricas dos mesmos co sistema de xestión de frotas WEBFLEET de TomTom.
Así, axúdase ás empresas de uso compartido de vehículos, neste caso eléctricos, a xestionar a súa frota de maneira máis eficiente. A dita tecnoloxía xa foi adoptada con éxito polo integrador de software Be Smart para o seu despregamento e uso en Italia.
Este sistema permite aos clientes de Be Smart empregar unha aplicación móbil para alugar coches eléctricos ao momento, recoller e devolver os vehículos en puntos específicos do centro da cidade ou en zonas de free floating (os coches non están ligados a estacións de empréstamo, senón que poden ser usados alá onde se atopen) en Nápoles e Milán.
Grazas á plataforma de API aberta de TomTom Telematics, que permite acceder aos datos dos vehículos eléctricos e integralos co software ERP que utiliza Be Smart, a organización pode comprobar o estado da batería en cada vehículo, activar os coches de maneira remota, facer un seguimento da súa localización e facer seguimento da información da viaxe para facturar de xeito preciso ao cliente.
Engadir que esta tecnoloxía, que foi pioneira na edición inaugural da .connect Developer Conference de TomTom Telmatics do último ano, será exposta por parte de AttainIT e BeSmart a vindeira semana (9 de xuño) no novo encontro da .connect Developer Conference que se celebrará en Ámsterdam.

PUBLICIDADE