Todo o que precisamos sobre metodoloxías áxiles para proxectos complexos, nun curso de Vitae

martes, 16 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Con frecuencia, os integrantes dun equipo profesional adicado a desenvolver proxectos avanzados pregúntanse de que xeito poden seguir sendo eficaces e tocando as teclas que cómpre tocar cando todo cambia: cando o grupo medra e os proxectos tamén, ou cando os proxectos cambian de natureza. Como diferenciar a tecla axeitada da que non o é? Que facer para que a fórmula que valía para o simple siga a valer tamén para o complexo? Para axudarnos nas nosas decisións, Vitae Consultores vai organizar o Curso Metodoloxías Áxiles Escaladas: SAFe, LeSS, Scrum@Scale e Nexus. Serán dezaseis horas de formación, a desenvolver na Coruña (Hotel Attica 21) os días 16, 17 e 30 de novembro e o 1 de decembro.
Segundo explica Vita, as metodoloxías áxiles para a xestión de desenvolvemento de software teñen unha gran utilidade para grupos pequenos que concentran talento e habilidades nun único produto. A cousa cambia, e moito, cando os grupos se incrementa e fanse máis dispares e cando os proxectos gañan en complexidade ou simplemente medra o seu número. Que acontece cando os integrantes do grupo orixinal deben convivir con outros equipos de desenvolvemento para entregar un resultado con dependencias entre si? A resposta a todas as preguntas está en boa medida no Curso de Metodoloxías Áxiles Escaladas que presente Vitae para este outono e nas ferramentas sobre as que botará luz: SAFe, LeSS ou Nexus.
Segundo engade a academia galega, o reto do escalado coas devanditas ferramentas implica cambios na organización e na cultura de empresa, e implica tamén o fomento da autonomía dos equipos mantendo os valores centrais da axilidade. Ademais, explica Vitae, “precísase dunha xestión de prioridades orientada ao valor do cliente, baseada na toma de decisións empírica”.
O curso en cuestión, tendo en conta todo o devandito, empraza a integración da axilidade nun contexto de medre, interdependencias e cumprimento de obxectivos de negocio a nivel empresarial. Para isto, abordaranse os principais marcos conceptuais propostos (Nexus, LeSS, Scrum@Scale, SAFe) e o caso paradigmático de Spotify, o servizo de música en streaming, como “exemplo de cultura áxil innovadora nun contexto de crecemento”.
Os obxectivos deste obradoiro avanzado de Vitae son: coñecer as bases conceptuais do escalado de metodoloxías áxiles, poder diferenciar os principais escritorios de traballo e ter criterios para seleccionar o máis axeitado para o contexto de cada proxecto.
O curso está dirixido a product owners, directivos da área tecnolóxica, líderes de equipos de programadores, expertos en Scrum e toda aquela persoa interesada neste tipo de metodoloxías eficaces.
O encargado de impartir estes contidos será Juan de Oliveira, licenciado en Socioloxía e mestrado en Administración de Empresas, a día de hoxe coordinador dos equipos de soporte técnico nunha empresa referencial galega. Na súa bagaxe ten máis de 7 anos de experiencia como responsábel da área de soporte en empresas de desenvolvemento de software, e é un experto en xestión, análise e optimización de servizos e proxectos tecnolóxicos. Traballou con Inditex, BT, Adif, Tecnocom, ABANCA, Repsol, Gas Natural, BBVA, Bank of Cyprus, Phillip Morris, LG, Iberdrola, Carrefour ou Grupo PRISA.

PUBLICIDADE