Todo listo para o inicio da conferencia AtlánticaConf 2023 na FIC da UDC
xoves, 21 de setembro do 2023
AtlánticaConf
2023, referencial cita centrada nas Tecnoloxías da Información
e a Comunicación (TIC) en Galicia, volve esta semana á Facultade de
Informática da Coruña, concretamente a partir deste venres 22 e até
o sábado 23. Será a segunda edición da conferencia, tras o éxito
da primeira en 2019 na que máis de 300 asistentes e 56 relatores
encheron as aulas da Facultade de Informática.
Organizada
pola asociación GPUL, centrada no impulso do software e cultura
libres, o evento brindará durante dúas xornadas “unha
programación diversa, poñendo en valor a profesionalidade, a
variedade e a riqueza da industria tecnolóxica de Galicia”,
explican dende a organización.
A axenda contará cunha
vintena de charlas de 30 minutos, charlas rápidas de 7 minutos e
obradoiros organizados por comunidades tecnolóxicas. Nestas
intervencións, seleccionadas entre máis dun cento de propostas que
destacaron pola súa calidade e contido, representantes do ámbito
tecnolóxico (na súa maioría da nosa terra) compartirán as súas
experiencias e coñecementos en eidos como a Intelixencia Artificial,
os sistemas distribuídos, o deseño e as aplicacións
especializadas, como a xestión de residuos, a cardioloxía e o
seguimento de hábitats.
“A AtlánticaConf é ou sitio no que
podes ver a profesionais galegos falando de tecnoloxía e que nos
demostran que non fai falta irse fóra de Galicia para traballar e
para facer grandes proxectos con impacto global”, destaca Pablo
Castro, membro da organización e emprendedor galego. “Temos a
sorte de contar cunhas charlas dun grande nivel que representan a
potencia tecnolóxica do sector en Galicia. E por riba contamos con
relatores de startups galegas referencia a nivel
internacional e profesionais que traballan para empresas tan potentes
como Spotify ou Warner Bros, un auténtico orgullo”.
A
AtlánticaConf 2023, engade, “proporcionará un espazo para a
aprendizaxe, a colaboración e oportunidades de networking”.
Os asistentes terán a oportunidade de interactuar con expertos,
compartir experiencias e ampliar os seus coñecementos nunha contorna
estimulante e acolledora.
Por
certo que o venres 22 de setembro, antes do inicio oficial da
conferencia, celebrarase a Pre-Atlántica, unha actividade gratuíta
e enfocada en orientar aos estudantes sobre o seu futuro profesional
en tecnoloxía. Contarase coa presenza dalgúns dos mellores
profesionais do sector en Galicia, así como emprendedores e
fundadores de startups referentes, quen compartirán as súas
experiencias e orientarán aos asistentes sobre como preparar
entrevistas de traballo, currículos ou como emprender en tecnoloxía.