Todas as sedes xudiciais galegas dispoñen de sistemas de vídeo-conferencia

xoves, 22 de abril do 2021 S. P.

O Goberno galego vén de facer balance da confía destinada até o momento á implantación das novas tecnoloxías no ámbito xudicial en Galicia. Trátase dun investimento de 50 millóns, aos que se suman 11 máis nas actuacións previstas a partir deste ano, o que supón un orzamento total de 61 millóns destinados á implantación das novas tecnoloxías no ámbito xudicial en Galicia. Este esforzo orzamentario está a servir para, entre outras cousas, dotar a todas as sedes xudiciais de sistemas de vídeo-conferencia e a todos os órganos co visor do expediente xudicial electrónico.
En resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, recordou este mércores 21 de abril que “no último decenio, da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, logrouse poñer en marcha todas as pezas para a implantación efectiva do expediente xudicial electrónico, como son as comunicacións telemáticas, a sinatura dixital, o visor do expediente xudicial electrónico, o sistema de gravación de vistas con sinatura dixital electrónica e a dotación progresiva de salas de vistas dixitais, a rede de vídeo-conferencias implantada en todos os partidos xudiciais de Galicia e a sede xudicial electrónica, para facilitar o acceso electrónico á cidadanía”.
Estas melloras, engadiu, acadáronse co desenvolvemento do primeiro Plan Senda entre 2009 e 2014, dotado con 23 millóns de euros; a posta en marcha do segundo Plan Senda, aprobado no ano 2015 e dotado con 26 millóns, e a extensión actual do devandito segundo plan.
Tamén fixo saber que en 2020 realizáronse case sete millóns de comunicacións electrónicas a través de LexNET, e no que vai de ano van xa máis de dous millóns, cunha media mensual de case un millón de mensaxes, “polo que LexNET atópase na actualidade consolidado como ferramenta de comunicación na totalidade dos órganos xudiciais”, explicou, engadindo que todos eles teñen xa implantada a sinatura dixital, ferramenta coa que o ano pasado asináronse 3 millóns de documentos, e preto dun millón no que van do presente ano, o mesmo que o visor.
Martín informou tamén de que a finais do presente ano, “o 85% das salas contarán con tecnoloxía dixital”, das que 32 estarán na nova Cidade da Xustiza de Vigo. “Todas as salas de vistas contan xa con sinatura dixital, o que permitiu que se realizaran no que vai de ano arredor de 20.000 gravacións de vistas”, dixo.

PUBLICIDADE