TikTok consegue adiar o seu bloqueo nos EE.UU.

luns, 28 de setembro do 2020 Marcus Fernández

A semana pasada comezamos dando conta de que os bloqueos de TikTok e WeChat non se fixeran efectivos nos EE.UU., dependendo o adiamento do bloqueo a TikTok a unha decisión de Trump para facilitar a compra de parte de TikTok por parte de Amazon e Walmart, pero finalmente transcendeu que dende China vían estas medidas da Administración Trump como unha extorsión ante a que non querían ceder, o que levaría a que onte tivese que facerse efectivo o bloqueo de TikTok, que non aconteceu porque o xuíz Carl J. Nichols aceptou o recurso contra a orde executiva de Trump, de xeito que facilita que TikTok manteña a súa presenza nas tendas de aplicacións até o 12 de novembro (dando por boa a prórroga ao bloqueo aprobada a mediados de agosto).
O novo prazo dá a ByteDance tempo para seguir a defender os seus dereitos ante os tribunais, así como para continuar a procurar algún tipo de acordo co Goberno dos EE.UU. que permita un acordo razoable que permita mitigar as preocupacións sobre a seguridade nacional nos EE.UU., que non estarían xustificadas, xa que na actualidade os datos dos usuarios de TikTok non están en servidores en China, e a empresa que xestiona o servizo está en EE.UU., actuando a empresa en China baixo outra marca (Douyin) e con datos de usuario diferentes, aínda que ambas plataformas compartan algoritmos (algo que non mudaría de entrar novos socios estadounidenses na empresa).

PUBLICIDADE