Threads supera os 70 millóns de usuarios
venres, 7 de xullo do 2023
O
lanzamento de Threads está a ser todo un fenómeno na Rede pese a non chegar
aínda a Europa por mor da nosa lexislación de protección de datos, confirmando
que o momento escollido para abrir a aplicación ao público foi moi atinado, xa
que aproveitaron que Twitter está a pasar o peor momento da súa historia.
Que Threads conseguirse 10 millóns de altas en 7 horas foi todo un logro, pero
durante a xornada do venres tanto Mark Zuckerberg como Adam
Mosseri confirmaron que a nova
aplicación social superara a barreira dos 70 millóns de usuarios rexistrados,
volume que Facebook tardou 4 anos en acadar, aínda que o propio Mosseri tamén é
moi consciente de que o pulo inicial non lles permite relaxarse, xa que o
grande reto que ten Threads por diante é manter o interese dos usuarios.
Mosseri tamén afirma que o obxectivo
de Threads non é substituír a Twitter, xa que pretenden que o novo espazo
de conversa estea libre das discusións tóxicas, de xeito que a política e a
actualidade máis dura non xogarán un rol importante en Threads do mesmo xeito
que actualmente tampouco o fan en Facebook e Instagram. Incluso chega a
recoñecer que non queren repetir o erro que no seu día cometeron en Facebook ao
dar importancia ás novas, pois a plataforma funciona mellor agora que está máis
orientada aos usuarios.
Dende Threads tamén recoñecen as moitas carencias que presenta actualmente a
súa aplicación, e xa apuntan que están a traballar na incorporación pronta dunha
mellor función de busca, de cancelos (algo fundamental para, por exemplo,
contar coa complicidade dos medios de comunicación para canalizar debates
durante a emisión de programas), a mensaxería privada, a posibilidade de ver as
publicacións en orde cronolóxica e o soporte do Fediverso (ou sexa, que podería
conectar con instancias de Mastodon e outras plataformas semellantes). Tamén
aseguran que están a preparar un mecanismo para permitir darse de baixa de
Threads sen ter que facelo de Instagram, aínda que advirten de que xa é posible
desactivar a conta de Threads.
Queda así constancia de que estamos ante unha aplicación en construción, que en
só un par de días conseguiu o que outras plataformas tardaron anos en facer, o
que non significa que sexa a morte de Twitter, aínda que si pon as cousas moi
difíciles para as alternativas a Twitter que foron chegando nos últimos meses,
e que manexan uns volumes de actividade ridículos en comparación.