The Witcher 3 presentará un grande nivel de detalle en PlayStation 4

luns, 26 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

O coidado polo traballo de CD Projekt Red levou a que The Witcher 3: Wild Hunt vise adiado o seu lanzamento até o 19 de maio, pero parecen confiar seriamente neste título e non dubidan á hora de divulgar detalles sobre este título violento e escuro, cheo de misións e perigos agochados, ao que están a facer un profundo achegamento dende o blog oficial de PlayStation, onde detallan que os xogadores de PS4 non se terán que preocupar no caso de non coñecesen a franquía, xa que esta última entrega contará cun prólogo no que introducirán aos personaxes e o seu contorno.
En The Witcher 3 tomaremos o rol dun mata-monstros, un bruxo, Geralt de Rivia, que comeza acompañado polo seu mestre Vesemir na procura dunha amiga común, a feiticeira Yennefer de Vengerberg. Esta historia abre as portas dun mundo aberto de grande viveza e cheo de detalles.
Tamén contará cun coidado sistema de combate, no que Geralt pode lanzar ataques lixeiros e pesados, esquivar en calquera dirección e bloquear os ataques, de xeito que os bloqueos perfectos facilitarán contraataques efectivos. Aparte da espada, o bruxo tamén pode defenderse mediante a maxia (sinais que serven, por exemplo, para formar escudos protectores) e a alquimia (formando pocións e bombas tras recoller os ingredientes que poden atoparse polo mundo e mercarse nas tendas e tabernas que se atopan polo camiño).
A última demo do xogo para PlayStation 4 presenta un bo nivel de detalle en gráficos e animacións, e suporá un bo xeito para que a consola de Sony poida demostrar a súa potencia.

En The Witcher 3 poderemos ver grandes enfrontamentos contra monstros, demostrando a potencia gráfica da PS4

PUBLICIDADE