The Technomancer encabeza os Xbox con Gold de abril

martes, 26 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Microsoft continúa a facer unha selección potente de títulos dentro dos seus Xogos con Gold, e para o mes de abril anuncian que teremos, de saída, a aventura de rol The Technomancer, que sitúanos no planeta Marte, onde tomaremos o rol dun mago guerreiro con poderes eléctricos destrutivos, amplificados por implantes cibernéticos, que está a piques de rematar o seu adestramento como technomancer.
Neste xogo para Xbox One poderemos desenvolver catro árbores de habilidades e empregar tres estilos de loita, así como os potentes poderes eléctricos. Aparte da forza bruta, tamén haberá que establecer diálogos que afectarán ao desenvolvemento da historia e será posible crear equipamento, así como armas e armaduras para o protagonista e os aliados que o acompañen nesta aventura.
O outro xogo co que comezará o mes será o clásico Star Wars Battlefront II, título da primeira Xbox que poderemos gozar agora grazas á retrocompatibilidade e que destaca fronte a Star Wars Battlefront por incorporar un combate espacial totalmente novo e numerosos detalles sacados directamente do Episodio III cinematográfico.
A partires do día 16 será posible facerse con Outcast - Second Contact para Xbox One e Tom Clancy’s Ghost Recon Advanced Warfighter 2 de Xbox 360 (retrocompatible con Xbox One), de xeito que por unha banda temos o remake do primeiro xogo 3D de mundo aberto da historia dos videoxogos (Outcast) e, por outra, o quinto episodio da serie de xogos Ghost Recon de Ubisoft, que recibirán cos brazos abertos os amantes dos shooters tácticos.

Tom Clancy’s Ghost Recon Advanced Warfighter 2 é un shooter táctico que saíu no seu día para Xbox 360

PUBLICIDADE