The Last of Us trunfa simultaneamente en televisión e consolas

luns, 23 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Aínda que tradicionalmente as adaptacións de videoxogos a películas e series de televisión son produtos de pouca calidade que simplemente empregan unha marca recoñecible como reclamo, pero a nova serie de HBO Max, The Last of Us, está a facer historia por converterse nun grande éxito de público e crítica mantendo fidelidade co xogo orixinal de Naughty Dog.
Se ben o primeiro episodio da serie presumiu de ser a segunda mellor estrea de HBO na última década, ao estrearse o segundo episodio a audiencia medrou un 22% nos EE.UU. chegando aos 5,7 millóns de espectadores na primeira noite de emisión, converténdose na serie orixinal de HBO coa mellor segunda semana en toda a historia da cadea. Dado que o primeiro episodio chegou aos 18 millóns de espectadores ao longo da semana, podemos esperar que o segundo episodio chegue aínda máis lonxe.
Pero o máis curioso deste éxito televisivo é que está a propagarse ao videoxogo, que pese a ser un título que saíu orixinalmente en PlayStation 3 e colleitou boas vendas en PlayStation 4 e PlayStation 5, no Reino Unido sorprendeu enormemente ao colocarse no posto nº 20 en vendas na súa versión para PS5, o que supón un incremento das súas vendas do 238%, mentres que a versión para PS4 colocouse no posto nº 32, o que supón un incremento das vendas do 322%.
Temos así que un xogo de hai preto de 10 anos pode continuar a ter boas vendas grazas á súa sólida reputación e á promoción que supón a súa translación a un novo medio, confirmando que as fórmulas transmedia poden ser beneficiosas para todos os elementos que forman parte dos proxectos, pois as adaptacións herdan a popularidade dos produtos orixinais, e estes tamén poden beneficiarse da visibilidade adicional.

PUBLICIDADE