The Last of Us: Part II estrea un impactante vídeo

luns, 30 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Esta semana está a celebrarse a Paris Games Week, e unha das compañías que máis apostou polo evento foi Sony, que reservou numerosos anuncios para a data, así como unha chea de adiantos en vídeo de xogos que veremos nos vindeiros meses, entre os que destaca un título do que aínda vimos moi pouco, The Last of Us: Part II, do que puidemos ver unha secuencia que serve para deixar claro que estaremos ante un xogo de grande violencia.
Polo momento non parece haber rastro de Joel e Ellie, protagonistas da primeira parte, o que dá a entender que teremos toda unha nova trama ambientada no universo creado polo que está considerado como un dos mellores xogos da anterior xeración (que incluso conservou o seu nivel ao remasterizarse para PlayStation 4, deixando claro que souberon aproveitar a potencia da PS3 ao máximo).
Aínda tardaremos bastante en poder xogar a esta nova creación de Naughty Dog, pois aínda está no medio do seu desenvolvemento (pese a que se anunciou hai preto dun ano, xa levaría en desenvolvemento dende 2014), e polo momento nin sequera ousan a dar unha data de lanzamento, probablemente para non decepcionar aos seus seareiros, como aconteceu cos adiamentos de Uncharted 4.

Vídeo de The Last of Us: Part II estreado na Paris Games Week

PUBLICIDADE