The Last Guardian verá a luz finalmente o 7 de decembro
luns, 12 de setembro do 2016
Durante a edición de 2015 da feira E3 Sony
sorprendeu anunciando o retorno da saga Shenmue
e confirmando que o desenvolvemento de The
Last Guardian continuaba, prevéndose que este mesmo ano vese a luz para
PlayStation 4, o que suporía un retraso impresionante, xa que este xogo leva
fraguándose dende 2007 e o seu lanzamento
inicial estaba previsto para o Nadal de 2011 (para PlayStation 3), e, para
continuar na mesma liña, veñen de anunciar que finalmente no sairá á venda o 25
de outubro, senón que adíase
o seu lanzamento até o 7 de decembro, manténdose dentro deste mesmo ano.
Ao parecer, gen DESIGN e JAPAN Studio detectaron demasiados bugs no xogo na súa fase de
desenvolvemento actual, e preferiron adiar o lanzamento para entregar un
produto máis digno, xa que neste caso, e tras tantos anos de retraso, temen non
estar á altura das expectativas dos seareiros dos anteriores xogos deseñados
por Fumito Ueda (ICO e Shadow of the Colossus).
Estamos ante un xogo de xestación moi dificultosa, que incluso levou a Ueda a
abandonar Sony en 2011, aínda que finalmente volveu ao incorporarse ao proxecto
a través dun estudio de seu, gen DESIGN, no que tamén traballan bastantes
membros do Team ICO orixinal, co que Sony buscaba manter o espírito orixinal do
xogo, o que aseguran ter conseguido, polo que agora só falta o xuízo do público
unha vez que o xogo chegue ao mercado.