The Division prepara o seu salto aos móbiles

mércores, 6 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Ubisoft fai medrar a franquía de The Division cun novo xogo para dispositivos móbiles, The Division Resurgence, un xogo de rol de disparos en terceira persoa baixo a fórmula do free-to-play que está a ser desenvolvido por un equipo principal da compañía en colaboración con outros estudios e socios de todo o mundo.
Este xogo de mundo aberto achegará novas historias, viláns e faccións á franquía de Tom Clancy’s The Division, cunha campaña independente á de The Division e The Division 2.
Como axente da SHD haberá que restaurar a orde, protexer aos civís das faccións hostís e axudarlles a reconstruír un futuro mellor.
O máis curioso desta entrega é que sexa para iOS e para Android, pero Ubisoft asegura que con este paso quere abrir o universo de The Division a máis persoas de todo o mundo, que así poderán gozar desta experiencia de mundo aberto en calquera momento e lugar, gozando incluso dunha boa experiencia a nivel técnico dado o avanzados que están actualmente os dispositivos móbiles.
Aínda que non hai unha data de lanzamento oficial establecida, dende Ubisoft anuncian que están a piques de iniciar unha alfa pechada do xogo, estando xa aberto o rexistro para a mesma, tanto para Android como para iOS. Ubisoft repartirá invitacións en función das plataformas e localizacións nas que queren probar primeiro o novo xogo. Para entrar na alfa pechada será preciso adquirir un compromiso de confidencialidade, ou sexa, que non se poderán compartir capturas nin vídeos do xogo durante o proceso de probas.

Tráiler oficial de The Division Resurgence

PUBLICIDADE