The Crew iniciará unha beta para PS4 e Xbox One a semana que vén

mércores, 29 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Hai varias semanas Ubisoft anunciou que The Crew adiaba o seu lanzamento ao mes de decembro para atender ao feedback recibido durante a súa fase de proba, e agora confirman que os usuarios de Xbox One e PlayStation 4 poderán inscribirse nunha beta pechada do xogo que desenvolverase entre os días 6 e 10 de novembro, o que permitirá así botar un ollo ao título que chegará ás tendas o 2 de decembro.
Ubisoft confirma que a beta permitirá explorar todo o territorio dos EE.UU. sen pantalla de carga e cunha completa serie de emocionantes retos (todas as misións e retos de habilidade do Medio Oeste e todos os retos de habilidade da Costa Este); acceso a dúas salas de espera PvP (unha para o Medio Oeste e outra para a Costa Este) nas que poder participar en varias carreiras para baterse contra outros xogadores; novos vehículos para distintos tipos de terreos (en Detroit poderá conseguirse a configuración urbana e en New York estaría dispoñible a configuración para terra, mentres que o xogo final contará con outras 3 configuracións); e incluso poderase competir contra os nosos amigos durante toda a beta. Temos así un excelente xeito de probar o xogo antes do seu lanzamento, o que demostra a confianza de Ubisoft con este título que terá que competir con grandes xogos do mesmo xénero como con Forza Horizon 2 e DRIVECLUB.

PUBLICIDADE