Teremos novas PlayStation 5 antes de rematar o ano

martes, 10 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Sony por fin fai oficial o moi rumoreado redeseño da consola PlayStation 5, confirmando os rumores de que non só sería unha consola máis compacta, senón de que tamén habería a posibilidade de engadirlle lector óptico ao modelo que se vende sen o mesmo, o que reduce a porta de entrada á actual xeración de consolas.
Temos así que as novas PlayStation 5 chegarán con deseños exteriores lixeiramente modificados, reducindo os seus volumes en máis dun 30% e os seus pesos nun 18-24%, podendo o usuario optar polo modelo con disco (cun prezo de 549,99 euros) ou co modelo dixital (cun prezo de 449,99 euros), ao que poderá engadírselle o lector de discos máis adiante a un prezo de 119,99 euros.
Aínda que poida parecer que deste xeito se mantén o prezo da consola, cómpre lembrar que actualmente a PlayStation 5 con disco e o xogo EA Sports FC 24 véndese a un prezo de 499,99 euros (promoción que remata o 12 de outubro), ou sexa, que Sony non quere disimular que pretende desfacerse das existencias actuais de consolas PlayStation 5, para deixar sitio para o novo modelo.
Temos así que de cara á campaña de Nadal (e moi especialmente durante o Black Friday) é máis que probable que haxa atractivas ofertas dos modelos actuais de PS5, para eliminar estas consolas do inventario e que así logo só queden nas tendas os modelos máis compactos.
En calquera caso, non pasamos dunha consola grande a unha bastante pequena como si aconteceu noutras xeracións, senón que desta volta os novos modelos seguen a ter unhas dimensións considerables: o modelo con disco mide 358 x 216 x 96 milímetros e pesa 3,2 quilos, mentres que o modelo dixital queda en 358 x 216 x 80 milímetros e 2,6 quilos de peso.
Aparte do cambio de deseño e tamaño, hai outro importante cambio coas novas consolas, xa que o almacenamento interno pasa de 825 GB a 1 TB, o que resulta moi de agradecer dado o tamaño dos xogos actuais (e a súa dependencia de parches e actualizacións descargables).
A data na que teremos as novas PlayStation 5 en España é unha incógnita, asegurándose polo momento que chegará en novembro como mínimo a EE.UU., pero sen detallar os territorios que recibirán as novas PS5 ese mesmo mes (aínda que parece bastante probable que España sexa un dos países prioritarios).

Vídeo de presentación da revisión da PS5