Teo, Ames e Santiago habilitan unha ferramenta que mostra as empresas locais que traballan en galego

mércores, 6 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Os Concellos de Ames, Santiago e Teo presentaron onte unha iniciativa que recoñece a comunicación en galego nas empresas e visualiza, perante a cidadanía, as firmas locais que fan uso da nosa lingua e a reivindican como unha ferramenta de valor, un prestixio de marca. A iniciativa consiste nun directorio que abrangue os tres termos municipais da contorna compostelá, o directorio en liña #Galegoempresas. A presentación desta iniciativa celebrouse no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. O obxectivo deste proxecto é “poñer en valor aqueles negocios nos que a nosa lingua adquire visibilidade, e facer un recoñecemento á calidade na atención por parte destes negocios”.
Na rolda de prensa participaron a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a concelleira de Cultura de Teo, Pilar Faxil, e Óscar Maceiras, en representación da empresa que desenvolve o proxecto, Ágora Aberta.
O proxecto #Galegoempresas foi desenvolvido pola empresa Ágora Aberta. Óscar Maceiras fixo saber que para o desenvolvemento do servizo fíxose un extenso labor previo, que incluíu cousas como o ponderamento dos indicadores de uso lingüístico nas empresas, o deseño do protocolo de aplicación da enquisa coa que se obteñen os datos ou, tamén, a creación da ferramenta informática para incluír os datos das empresas, “validados e publicados de xeito atractivo e útil”, explicou Óscar Maceiras, engadindo que a ferramenta informática tamén deixa marxe para que a cidadanía valore a atención que prestan as empresas, oral, escrita e telefónica.
As concelleiras Isabel Vaquero e Pilar Faxil salientaron na cita cos medios a colaboración institucional entre os tres concellos e fixeron un chamamento “a todas as empresas da comarca para unírense a esta ferramenta”. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, dixo que o directorio “permitirá coñecer de maneira rápida e práctica a oferta de empresas que funcionan en galego, dándolle unha maior visibilidade, ao tempo que facilitará a planificación de accións dirixidas ao sector socioeconómico en materia de lingua”.

PUBLICIDADE