Tencent e a familia Guillemot poderían facerse coa totalidade de Ubisoft

venres, 4 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Unha das compañías de videoxogos máis importantes de Europa, Ubisoft, está a pasar por malos momentos, agravados pola mala resposta ante o ambicioso xogo Star Wars Outlaws e o adiamento de Assassin’s Creed Shadows, o que afectou seriamente á valoración da compañía que en 2018 chegou a superar os 100 euros por acción e nos últimos días tivo momentos nos que caeu por debaixo dos 10 euros por acción.
Esta cotización bolsista tan baixa podería aproveitarse para que a familia Guillemot (fundadores da empresa, e co 20,5% das accións con dereito a voto) e Tencent (co 9,2% das participacións con dereito a voto) poderían estar interesados en facerse co total da empresa, para así retirala do mercado e estabilizala.
Dende Bloomberg aseguran que as negociacións para a venda de Ubisoft estarían aínda nas súas etapas iniciais, estando diferentes alternativas sobre a mesa (polo que tampouco pode desbotarse que a compañía sexa adquirida por grupos externos, como xa tentou Vivendi en 2022).