Televés presentará en Alemaña a súa antena intelixente para televisión dixital: a DAT HD

mércores, 20 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

A feira ANGA Cable nunha das súas anteriores convocatorias

Televés está de estrea tecnolóxica por partida dupla. Por unha banda prepara o inminente lanzamento mundial da súa nova antena DAT HD, a xuízo da empresa compostelá un equipamento máis que axeitado para tirar o máximo partido das vantaxes de calidade e interactividade da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e da vindeira tecnoloxía de alta definición (HDTV). O obxectivo de Televés, en realidade, é ir alén do que ofrece a gran maioría destas instalacións que hai no mercado, simples receptores estáticos de sinais: a finalidade da firma con sede en Conxo é achegar, nas súas propias palabras, “a primeira antena intelixente para TDT e HDTV”. Semellante esforzo posto nun lanzamento merece, en opinión dos seus desenvolvedores, as máis axeitadas palestras de presentación. Aí é onde entra en xogo ANGA Cable, feira e congreso europeo referente no sector e que contará este ano co privilexio de acoller a posta en longo da DAT HD. A cita será en Colonia, Alemaña, do 26 ao 28 de maio.
Con todo, e como dixemos ao principio, o capítulo de novidades de Televés non remata neste equipamento. Segundo informan fontes da empresa, a web vén de ser complementada cunha ferramenta de primeira orde para xornalistas, clientes e usuarios en xeral da Rede: unha sala de prensa en liña á que se accede dende www.televes.com e que achega toda a información xerada pola compañía con feitura de comunicados de prensa, convocatorias, documentación, recursos gráficos, escolmas e dossieres.
Volvendo á antena DAT HD e incidindo xa nos seus detalles máis técnicos, sinalar que a diferenza dunha boa parte dos equipamentos que temos hoxe ao alcance da man, foi desenvolvida tendo en conta até no máis mínimo detalle as particulares características do sinal dixital. O obxectivo, como dixemos ao principio, é tirar o máximo proveito do seu potencial e garantir a recepción nas mellores condicións posibles da televisión de alta definición. O elemento que marca a diferenza con respecto a deseños alleos é sen lugar a dúbidas o sistema Boss Tech (Balanced Output Signal System), tecnoloxía que a empresa compostelá (responsable da mesma, dende o seu inicio até o a súa aplicación) pon en xogo para que os usuarios poidan regular, de xeito automático, o nivel de sinal de saída. Por certo que a posta en longo desta instalación en Alemaña contará cun gran complemento de promoción destinado a todos os recantos do mercado global: máis polo miúdo aos 90 países de todo o mundo nos que a firma de Santiago de Compostela ten presenza comercial. Esta campaña de marketing contará ademais cun apoio de primeira liña na Rede: a páxina web específica www.dathd.com.

PUBLICIDADE