Televés presenta o potencial interactivo da nova xeración do seu receptor zAs

xoves, 24 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A empresa compostelá Televés deu a coñecer esta semana múltiples detalles da nova xeración do zAs, aparello para recibir a Televisión Dixital Terrestre que arestora xa está no mercado. Falamos, máis concretamente, do zAs Hbb, a xuízo da firma galega “un paso máis na súa aposta a prol da vangarda tecnolóxica” e que, entre outras cousas, pon a disposición dos clientes un recurso híbrido que achega non só o acceso á programación convencional de TDT, incluídas as emisións en alta definición (HDTV), senón tamén conexión ao contido de valor engadido do radiodifusor na canle sintonizada.
Deste xeito, engade a firma santiaguesa, “os usuarios poden conectarse en calquera intre e gozar dos servizos á carta que ofrece os distintos operadores, tales como series de TV ao completo, longametraxes, documentais, servizos interactivos ou navegación na Internet”. Para Televés, o zAs Hbb (Hybrid Broadcast Broadband) é a solución multimedia, perfectamente axeitada, para o fogar. En boa medida pola sinxeleza e pola ampla marxe de uso que achega no seu mando universal. Para facérmonos unha idea, inclúe entre outras cousas a función Timeshift, que permite reproducir unha emisión ao tempo que se continúa gravando, ou o sistema USB PVX Ready, que posibilita a conexión dun disco duro ao porto USB que incorpora o receptor, o que facilita “o almacenamento de contidos para velos cando se desexe”. Por certo que o novo aparello fabrícase nas propias dependencias que Televés ten no barrio de Conxo de Santiago, o que lle engade, a maiores, o valor de ser en si mesmo tecnoloxía galega. Leva, de feito, o selo European Technology Made in Europe, que, segundo informa Televés, garante a fiabilidade e a vangarda tecnolóxica.

PUBLICIDADE