Televés e o Concello de Santiago estrean na Casa do Cabildo unha tecnoloxía pioneira de iluminación intelixente

mércores, 27 de outubro do 2021 S. P.

A praza de Praterías de Santiago de Compostela acolleu na noite deste 26 de outubro a estrea do novo sistema de iluminación intelixente do histórico edificio da Casa do Cabildo, desenvolvido pola empresa local Televés e impulsado polo Concello. Este proxecto piloto enmarcado dentro da iniciativa Cromalux ten como obxectivo o desenvolvemento de sistemas de iluminación innovadores que preserven os edificios patrimoniais, reducindo o consumo de enerxía nun 80% e combatendo a colonización biolóxica as súas fachadas. “Todo iso cun nulo impacto ecolóxico”, salientaron dende Televés e o Concello.
A empresa estivo representada por todo o equipo integrante desta iniciativa ademais do secretario xeral corporativo de Televés, Jorge Lorenzo, e de Sebastián Pantoja, director de programas estratéxicos de Televés. “É un proxecto bastante ambicioso e innovador, non hai ningún sitio máis no mundo que o estea realizando”, asegurou Sebastián, poñendo o foco en que se trata dunha “solución de iluminación que se basea en tecnoloxía LED, unha solución que é telexestionada e ten capacidade diastática”. E engadiu: “O que facemos é iluminar nun espectro de luz conseguindo que se retarde o crecemento da biota na fachada dos edificios monumentais”.
O director de programas estratéxicos ademais expuña que “con este proxecto conseguimos unha eficiencia enerxética en torno ao 80%, unha redución nos custos de mantemento do 60%, unha redución nos custos de conservación do monumento do 50% e todo iso respectando as novas políticas de desenvolvemento circular e respectando a biodiversidade”. Por último, explicou que “este é o piloto que vai iniciarse agora e estará en marcha un mínimo de tres a seis meses, para logo estar dous anos máis. É un proxecto no que parte do que pretendemos todos é que teña éxito, implantar en todo Santiago e posteriormente, en todas as cidades que son Patrimonio da Humanidade”.
Segundo engadiron, Cromalux é un proxecto colaborativo entre o Concello de Santiago de Compostela e Televés, en colaboración coa USC e Ferrovial. Este sistema de iluminación ornamental, pioneiro mundial, foi adxudicado a un consorcio que inclúe á empresa Televés, Ferrovial e USC (Universidade de Santiago de Compostela) por un importe de 613.581 euros, IVE engadido, 80% co-financiado polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional.
Ao evento asistiron ademais o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo (que centrou o seu discurso na innovación en Santiago e o apoio ás empresas privadas e universidades, ademais de mostrar o seu agradecemento ao equipo de Televés), o delegado do Goberno José Miñones, o concelleiro responsábel de Presidencia e Turismo, Gumersindo Guinarte, o reitor da USC, Antonio López, o vicerreitor de investigación e innovación da USC Vicente Pérez Muñuzuri e o responsábel de iluminación ornamental de Ferrovial, Alvaro Piñeiro.

PUBLICIDADE