Telefónica ofertará cursos de galego en liña para os seus empregados de todo o mundo

venres, 23 de abril do 2010 Raquel Noya

O número de persoas que falan sempre en galego (agás contadas excepcións), segundo datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), “descendeu dun 43 por cento en 2003 a menos dun 30 por cento na actualidade”, unha baixada que, malia que ten a súa explicación na demografía do país (a maior proporción de galegofalantes dáse entre a xente de máis de 65 anos), é un dato que non deixa de aflixirnos e que, se cadra, aínda fai máis triste este día xa de por si melancólico. Porén, como para grandes males semella que só valen os grandes remedios, o director territorial de Telefónica en Galicia e Asturias, Ignacio Aller, e mailo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, veñen de reunirse para traballar xuntos desenvolvendo novas accións que contribúan a promover o uso da lingua galega nos servizos que ofrece a compañía de telecomunicacións nacional, que non son poucos se a comparamos con outras empresas instaladas no noso país.
Así o manifestaron publicamente esta mesma mañá en Santiago de Compostela, onde tiña lugar a presentación do proxecto Glosa, unha plataforma de formación en liña desenvolvida pola compañía, a través da que todos os seus empregados (máis de 200.000 persoas en 23 países) “terán a posibilidade de aprender galego, entre outras moitas accións de promoción do idioma”.
Segundo manifestou Ignacio Alleo, “Glosa é un exemplo máis do compromiso de Telefónica con Galicia e co seu idioma”, e comprometeuse a seguir traballando coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través de Política Lingüística na identificación de posibles accións de promoción do uso do galego.
Anxo Lorenzo, pola súa parte, incidiu na importancia de colaborar coas empresas operadoras para que lle ofrezan os seus servizos á cidadanía en galego, así como na “necesidade de conectar a lingua galega aos avances que se producen nas novas tecnoloxías, por tratarse dunha estratexia clave para garantir o futuro do idioma e a vixencia da utilidade da nosa lingua”.
Durante a súa intervención, o secretario xeral tamén fixo fincapé na importancia de impulsar a oferta formativa para mellorar a competencia en lingua galega da sociedade, un pequeno paso que, de terse feito antes e por parte de máis entidades, o galego non estaría no estado de decadencia no que se atopa na actualidade.

O proxecto Glosa
Os cursos do proxecto Glosa arrancan desde o nivel A1 ata o A2 do Marco común europeo de referencia para as linguas, e inclúen leccións organizadas por seccións e multitude de actividades e contidos (audios, vídeos, exercicios…) que rematan cunha unidade final de revisión e consolidación.
O director territorial de Telefónica apuntou que a compañía xa dispón de distintos servizos en galego, como facturas e atención ao cliente, e lembrou que foi “a primeira en negociar cos grandes fabricantes para que os galegos que o quixesen puidesen depoñer de terminais con menús no seu idioma”.

PUBLICIDADE