Telefónica implantan en Ourense e Pontevedra unha solución para supervisar vías de tren con 5G e drons

xoves, 26 de novembro do 2020 S. P.

Telefónica anunciou esta semana a implantación en Ourense e Pontevedra dunha solución de inspección en remoto das vías ferroviarias con 5G e drons que se converte, en palabras da operadora, “na primeira experiencia de voo máis aló da liña de vista do piloto de vehículos aéreos non tripulados con tecnoloxía 5G para inspección de infraestruturas”.
Este caso de uso, desenvolvido en colaboración con Ineco, Adif e Huawei, é un dos proxectos gañadores da primeira convocatoria de axudas ao desenvolvemento do 5G do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, cofinanciado por Red.es con fondos FEDER. A súa finalidade é “dixitalizar as tarefas de inspección de infraestruturas ferroviarias para facelas de forma máis eficiente”.
En concreto, o servizo permite pilotar en remoto un dron equipado con cámaras de alta resolución e un módem 5G para recoller as imaxes das vías férreas de Adif ao seu paso polas localidades de Barra do Miño (Ourense), Os Peares (Ourense) e Filgueira (Pontevedra) e transmitilas en tempo real grazas ás características da nova tecnoloxía do estándar móbil. Así mesmo, estas imaxes son procesadas con Intelixencia Artificial (IA) o que permite a automatización da inspección da vía. Para facer posíbel este sistema, equipáronse con cobertura 5G dous traxectos ferroviarios duns 10 quilómetros de lonxitude cada un (os traxectos Monforte de Lemos-Ourense e Ourense-Guillarei) e equipouse un dron con conectividade 5G e varias cámaras: unha de visión 360 graos, outra para a inspección con resolución 4K e un potente zoom, e unha terceira para a pilotaxe remota. Telefónica mostrou o resultado da experiencia nun audiovisual que está dispoñíbel en liña.

PUBLICIDADE