Telefónica entra no Pacto Dixital de Galicia coa achega dun Centro de Emprendemento TIC no Gaiás
luns, 11 de novembro do 2013
Na
mañá deste 11 de novembro, asinábase un acordo
por parte do presidente da Xunta
de Galicia -Alberto Núñez Feijoo- e o presidente de Telefónica -César
Alierta- polo cal ficaba selada a adhesión do operador ao Pacto
Dixital de Galicia, un pacto no que tanto o Goberno galego coma as
empresas asinantes asumen un decálogo de compromisos para atraer
investimento a Galicia, favorecer a internacionalización da PEME
galega e acadar a colaboración activa entre as grandes e pequenas
firmas de cara ao medre do sector. Cómpre dicir que Telefónica
súmase así ás 11 empresas tecnolóxicas -HP, Indra, Everis,
Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain e o Clúster
TIC Galicia- que o pasado mes de xullo subscribiron este acordo co
Goberno galego, o primeiro deste tipo que se realiza en España e que
ten como finalidade investir na Comunidade e contribuír a converter
Galicia nun punto tecnolóxico de referencia.
Emporiso,
con esta resolución quérese que as empresas asinantes se
comprometan a colaborar de xeito activo na captación de
financiamento en programas como o Horizonte
2020
para o desenvolvemento de novas liñas de negocio e novos produtos en
Galicia. Tamén se subliña o valor de apostar polo rural galego coa
extensión de tecnoloxía de nova xeración; a apoiar aos
emprendedores dixitais de Galicia e a participar como mecenas
dixitais impulsando actuacións que capaciten a cidadanía. Amais
disto, búscase a vontade de garantir (mediante un programa de
bolsas) a incorporación ao mercado laboral de universitarios e
estudantes de Formación Profesional Obrigatoria do eido tecnolóxico.
Pola súa banda, o Goberno galego comprometeuse a elaborar a Lei de
desenvolvemento dixital para a transformación de Galicia cara a unha
economía baseada no coñecemento.
- O presidente da Xunta e o presidente de Telefónica asinaron esta mañá a adhesión do operador ao Pacto Dixital de Galicia
A
primeira medida que Telefónica adoptará no marco deste pacto é a
posta en marcha dun Programa de Apoio ao Emprendemento TIC en Galicia
co obxectivo de detectar iniciativas de proxectos tecnolóxicos con
alto potencial de crecemento, con pegada a longo prazo na Comunidade
e que, á súa vez, permitan o descubrimento de talento e o
fortalecemento do tecido empresarial galego.
Engadir,
por último, que a primeira fase do programa ten como obxectivo a
creación dun Centro de Emprendemento TIC, que ocupará unha
superficie de 420 metros cadrados nas instalacións da Cidade da
Cultura, o cal entrará en funcionamento na primavera de 2014. O dito
centro achegará a 60
emprendedores do eido tecnolóxico (na súa etapa inicial) un espazo
para desenvolver os seus proxectos, recibir asesoramento, orientación
e formación.
A
segunda fase do proxecto centrarase na constitución e
desenvolvemento dunha aceleradora de proxectos tecnolóxicos de alto
potencial en Galicia, con capacidade para impulsar até 8 iniciativas
TIC.