Telefónica e a UVigo impulsan o desenvolvemento das redes 5G

xoves, 4 de marzo do 2021 S. P.

Telefónica vén de colaborar coa Universidade de Vigo e coas empresas Optare, Minsait e GCTIO no desenvolvemento de redes 5G empregando dous casos ben diferentes: a produción de vídeo e un coche conectado.
Máis polo miúdo, Telefónica serviuse dunha rede 100% virtualizada para despregar dous servizos con necesidades diversas. O primeiro é un servizo de streaming de vídeo en Ultra Alta Definición que require un importante largo de banda e alta fiabilidade. Para iso, o network slicing permite garantir as velocidades de transmisión e a calidade de rede axeitadas para os usuarios deste servizo de vídeo.
O segundo caso é un servizo de condución remota dun coche teledirixido no que as baixas latencias e a estabilidade nas mesmas son requirimentos esenciais. Asemade, network slicing achega unha capa de rede virtualizada específica para esta tipoloxía de servizos que asegura latencias baixas e estables na conexión.
É preciso dicir que nos dous exemplos empregáronse técnicas de Machine Learning que someten a unha análise constante a calidade do servizo e a experiencia do usuario, amais de ter a capacidade de previr unha posible degradación do servizo e, no caso de producirse, tomar en tempo real as accións precisas para restablecer a calidade. Isto é posible mediante o cambio a slices de maior calidade de experiencia ou aumentando os recursos virtuais de rede asociadas ao servizo.
Tal e como sinalou Mercedes Fernández, xerente de Innovación de Telefónica España: “Grazas a este proxecto avanzamos na definición das futuras redes 5G autoxestionadas cuxo obxectivo é garantir que os clientes sempre gocen dunha calidade de experiencia óptima cando accedan a servizos 5G. Para iso, a rede adáptase de maneira dinámica, automática e en tempo real (filosofía Zero Touch) ás diferentes capacidades demandadas polo cliente, ligadas ao concepto de network slicing”.
Telefónica liderou a proba de concepto de redes 5G autoxestionadas mentres que Optar introduciu os casos de uso e as funcións de calidade en rede; a Universidade de Vigo despregou, xunto ao equipo de Optar, os recursos da rede virtualizada, e Minsait (compañía de Indra) xunto coa Universidade de Vigo, traballaron na configuración da contorna de virtualización.

PUBLICIDADE