Teixuapps: nova proposta galega para combater a crise con creatividade e software libre

xoves, 26 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Cando a crise pega máis forte, semella que a creatividade vai cara arriba. Isto é aplicábel a todo, mesmo á innovación e a tecnoloxía. Non é de estrañar que así sexa: quen máis quen menos non vive nunha burbulla, estamos cada vez máis conectados co mundo, cos problemas dos demais, e isto reflíctese tamén na creatividade empresarial. Exemplos recentes disto hai a centos, e moitos procedendo da nosa terra, como por exemplo Teixuapps, tecnoloxía galega “contra a crise”, desenvolvida dende Vigo por unha empresa do mesmo nome.
Segundo informan os responsábeis desta iniciativa nun comunicado, estamos ante unha firma de creación recente que se dedica á produción e desenvolvemento de aplicacións para os principais dispositivos móbiles e sistemas operativos (Smartphones, iPhone, iPad, Android, Nokia, Samsung) e SmartTVs.
O eido de acción da empresa aséntase sobre os alicerces da publicidade en liña e abrangue diversos elos da cadea, dende o desenvolvemento web de terceira xeración á formación TIC, pasando por posicionamento web para empresas e organización de xuntanzas virtuais.
Á fronte deste proxecto sitúase Marco Durán, programador informático de formación que conta cunha longa experiencia como deseñador e desenvolvedor de actividades de divulgación en liña. Ao seu xuízo, a Rede é toda ela unha oportunidade para solucionar certos problemas de acceso ao coñecemento derivados da necesidade de reducir custes de desprazamento e aloxamento para os seus profesionais. Neste senso, Teixuapps aposta por “aumentar a visibilidade e mellorar a rendibilidade dos seus clientes a través de ferramentas como a personalización do seu contido, os vídeos en 3D que permiten dar a coñecer un novo proxecto ou unhas instalacións, ou ben mediante unha web especialmente dinámica”. O custe de todo isto, informa Marco, “é verdadeiramente baixo se se considera toda a visibilidade e actividade que poden xerar estas accións”. Teixuapps, con sede no viveiro empresarial da Cámara de Comercio de Vigo, apostou dende o seus comezos polo software libre, cuxas ferramentas, na súa opinión, son a mellor oportunidade actual para a xestión de empresas e a venda de aplicacións por Internet, por varios motivos, sinalan, entre os que cómpre salientar a liberdade de movementos que achegan (non se depende dun único subministrador de servizos ou fabricante) ou as importantes reducións de custe que poñen en xogo ao pagarse só polos servizos prestados e non pola licenza, a maiores.
En Teixuapps”, engaden os responsábeis da empresa, “estamos convencidos de que as novas tecnoloxías fan máis sinxelos e melloran os resultados da comunicación cos clientes que xa temos, pero, sobre todo, cos que están por vir”.

PUBLICIDADE