Tecnoloxía galega para xerar mapas de cobertura de rede sobre Google Earth

mércores, 25 de marzo do 2009 Raquel Noya

Demotecnia, unha empresa galega dedicada á consultoría e realización de proxectos tecnolóxicos, vai presentar hoxe, no Congreso Anual que Motorota celebra en Frankfurt, a súa nova aplicación Demoland, unha solución de software desenvolvida polos seus propios enxeñeiros en colaboración con enxeñeiros da Universidade alemá de Saarbrucken.
Demotecnia, que é Professional Radio Application Partner de Motorota, foi convidada polo xigante tecnolóxico para presentar a súa última solución de software, Demoland, unha ferramenta dixital que permite xerar automaticamente mapas de cobertura de rede das estacións de radio que operan sobre tecnoloxía DMR.
Dito doutro xeito, esta solución de software foi desenvolvida para evitar o rudimentario proceso de probas de cobertura, que pasaba por facer unha simulación inicial nun ordenador e unha posterior comprobación subxectiva sobre o terreo. Agora, Demoland, vaille permitir aos seus usuarios obter mapas de cobertura “fiables ao 100 por cen” xa que o software almacena as posicións GPS dos equipos e os niveis de sinal en cada posición para xerar automaticamente mapas sobre Google Earth, onde se mostrarán os niveis de cobertura con fiabilidade total sobre o terreo estudado.
Asemade, esta ferramenta facilita en gran medida o traballo dos operadores de radio dixital e das empresas instaladoras, e garántelle aos usuarios coñecer a cobertura real sobre a que operan.
Din os expertos que na actualidade existen ferramentas similares para xerar mapas de cobertura sobre outras tecnoloxías pero, engaden, “ningunha permite facelo sobre tecnoloxía DMR (Digital Mobile Radio) e ningunha co nivel de precisión acado por Demoland”.
O primeiro usuario de Demoland será Democom, o operador galego de radiocomunicacións dixitais que opera sobre DMR para servir a máis de 2000 usuarios, entre os que se atopan Concellos, Consellarías, Policías Locais, Corpos de Bombeiros, Protección Civil e empresas privadas.

PUBLICIDADE