Tecalis, recoñecida co premio europeo á xestión empresarial

venres, 1 de febreiro do 2019 Redacción

Berta Caro, responsábel de Desenvolvemento de Negocio de Tecalis, recollendo o premio

A tecnolóxica galega Tecalis, con sede en Milladoiro (Ames) e centrada en servizos TIC avanzados, vén de recibir un novo recoñecemento ao seu labor e á súa excelencia en desenvolvemento. Trátase do Premio Europeo á Xestión e Innovación Empresarial 2019, que distingue o éxito das empresas cunha traxectoria exemplar no ámbito estatal e europeo con prácticas e iniciativas que apoian novas fórmulas de innovación e a conciencia empresarial. O galardón foille concedido a Tecalis da man da Asociación Europea de Economía e Competitividade.
Segundo salientan dende a empresa galega, este novo premio vén culminar un ano ateigado de galardóns, premios e recoñecementos recibidos por Tecalis e o seu modelo empresarial baseado na innovación tecnolóxica e na excelencia, “que colocaron a nosa corporación e a nosa Comunidade no mapa innovador mundial”. Como exemplo desta manchea de distincións, Tecalis lembra que hai nove meses o diario financeiro Financial Times situou a empresa galega no posto 145 das 1.000 firmas que máis medran en Europea, a través da súa referencial clasificación FT 1000.
Respecto da Asociación Europea de Economía e Competitividade (AEDEEC), é unha organización creada co fin de promover, desenvolver e recoñecer todos os mecanismos das empresas que fomentan un bo desenvolvemento empresarial dentro do marco europeo.

PUBLICIDADE