Tecalis, Altia e CONGALSA, distinguidas polo seu compromiso social e conciliador

martes, 3 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

A Xunta entregou este martes os galardóns da nova edición dos seus Premios á Responsabilidade Social Empresarial de Galicia, uns recoñecementos que teñen o obxectivo de mostrar e reivindicar publicamente o labor daquelas empresas que adoptan principios e prácticas de responsabilidade solidaria na súa xestión e na súa actividade diaria. O palmarés final destas distincións tivo unha vertente claramente tecnolóxica. De feito, premiouse o labor social das firmas dixitais Altia e Tecalis. Tamén se enxalzou o labor de CONGALSA, referente en Industria 4.0, polos seus avances en conciliación. O conselleiro de Economía, Francisco Conde, participou na entrega de galardóns en Santiago.
En termos máis concretos, o Premio á RSE de Galicia na categoría de pequena empresa foi dar a Tecalis, firma consultora e desenvolvedora TIC con sede en Milladoiro (Ames), e o mesmo galardón na modalidade de gran empresa recaeu en Altia Consultores, con sede en Oleiros centrada en servizos de consultora estratéxica e tecnolóxica, principalmente.
Tamén foi distinguida, na modalidade de mediana empresa, a compañía de transporte Empresa Monforte SAU.
O Premio Mención á Conciliación foi dar a CONGALSA, con sede na Pobra do Caramiñal, e centrada en produtos do mar conxelados e moi envorcada en metodoloxías intelixentes de xestión e produción que exportar a todo o sector alimentario galego (en colaboración con Gradiant e a través do proxecto CONGALSA 4.0).
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou na entrega dos premios, organizados pola Xunta, que “a responsabilidade social empresarial é clave para impulsar o emprego de calidade e a conciliación”. Amais, salientou “que a competitividade do tecido empresarial galego baséase na diferenciación a través da calidade e da innovación”, e que unha parte irrenunciábel desa fórmula son “a sustentabilidade, a seguridade laboral e a igualdade”.
Responsabilidade e sensibilización
Cos Premios RSE Galicia, a Xunta quixo enxalzar o labor de compañías “cun compromiso claro coa responsabilidade social empresarial na súa xestión”, ao tempo que se sensibiliza a todo o tecido empresarial sobre a importancia dunha xestión solidaria e sustentábel.
No caso de Altia, o xurado recoñece “o desenvolvemento integral da RSE, con indicadores destacados no ámbito laboral como o emprego de calidade, a seguridade, a saúde e a formación dos seus empregados”.
No tocante a Empresa Monforte, salienta na materialización “dun código de conduta e dunha canle responsábel, así como o seu sistema de xestión de empresa saudábel e a súa adhesión a un protocolo de paradas seguras”.
Pola súa banda, a empresa tecnolóxica Tecalis Innovación sobresae “pola súa visión integral da RSE, cunha aposta pola excelencia empresarial”. A Xunta tamén tivo en conta as medidas postas en xogo para fomentar a conciliación familiar e o seu horario flexíbel para todo o persoal, entre outros aspectos.
CONGALSA, pola súa parte, foi destacada polo xurado por “propiciar medidas de conciliación ás súas persoas traballadoras, como son o acceso a xornadas de traballo reducidas, ademais de contar cunha xornada intensiva”. Ademais, salientouse o seu sistema de melloras sociais, permitindo a planificación das vacacións para coincidir cos períodos de lecer estudantís e permisos de paternidade de 16 semanas. “Ten, ademais, unha política que se dirixe a evitar a discriminación na promoción interna de traballadores”, destacou o xurado.

PUBLICIDADE