Tarxeta M2 de 4GB para teléfonos móbiles

mércores, 28 de marzo do 2007 Raquel Noya

Os teléfonos móbiles inclúen a día de hoxe grandes capacidades de memoria que deberían abondar para albergar os datos que consideramos máis imprescindibles, como as entradas da axenda, os SMS importantes ou (por que non?) os xogos cos que se nos fai máis doada de aturar a espera no dentista. Porén, as máis das veces estas capacidades de almacenamento fican curtas á hora de conservar as fotos das vacacións na neve nas que esquecemos a cámara no maleteiro do coche, as da cea de empresa cando todos comezan a ter o nariz vermello ou as dunha paisaxe que nos impresionou na nosa última viaxe de negocios. A compañía SanDisk® Corporation vén de presentar a Memory Stick Micro M2, unha tarxeta de 4GB que semella especialmente deseñada para fotógrafos de móbil en man. E tamén para todos aqueles que teñen problemas para amorear datos nos seus móbiles, pois este dispositivo ten capacidade para gardar até 1.000 cancións, 2.000 fotos de alta resolución ou 20 horas de vídeo MPEG4.
A M2 de 4GB é compatible coa última xeración de teléfonos móbiles multimedia de Sony Ericsson que teñan acceso de tecnoloxía M2 e a compañía presentouna na feira CTIA Wireless 2007 como “un dispositivo que está a redefinir o panorama sen fíos” e que “marca o límite a partir do cal os teléfonos móbiles terán capacidade abonda para converterse no reprodutor todo en un para os usuarios”.

PUBLICIDADE