Tanxugueiras iniciou un ciclo de conversas virtuais diarias en YouTube

luns, 30 de marzo do 2020 Sonia Pena

O confinamento lévase mellor con música e, tamén, falando de música. Conscientes disto, a agrupación Tanxugueiras iniciou este sábado un programa propio de conversas virtuais con artistas e axentes culturais. Estes faladoiros online con Sabela Ramil, Rodrigo Cuevas, Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán, Gayoso ou Verto (entre outras e outros) teñen un obxectivo duplo: por unha banda fortalecer os vencellos da comunidade “nun intre excepcional” e, pola outra, achegar aos fogares unha nova opción de lecer para estes días de confinamento.
Os faladoiros, dunha duración de media hora, celebraranse todos os días na canle de YouTube de Tanxugueiras durante dúas semanas, en horario de 13.00 a 16.00 horas. Achegarannos ás propostas, opinións e puntos de vista de artistas, xornalistas e axentes vencellados ao eido musical, tirando dos fíos temáticos do confinamento e da situación actual do sector cultural.
Segundo apuntan dende Tanxugueiras sobre os porqués destes faladoiros, “as e os artistas temos tamén unha responsabilidade social e podemos aproveitar a nosa visibilidade para reforzar os vínculos de comunidade nun momento tan especial”. O obxectivo, tal e como sinala o grupo, “é abordar unha situación excepcional desde un punto de vista distendido e próximo, compartindo co público como vivimos desde o mundo da música e da cultura este momento”.
A programación e horario específico destes encontros anunciaranse cun día de antelación, a partir das 20.00 horas, nas redes sociais de Tanxugueiras (tanto en Instagram coma en Facebook).

Último vídeo da canle de YouTube das Tanxugueiras

PUBLICIDADE