Talentia Summit 19 pon o foco nas posibilidades da nosa terra para ser unha potencia tecnolóxica

martes, 22 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Sánchez Bugallo, Nadia Calviño e Núñez Feijóo na súa intervención en Talentia Summit

Onte inaugurouse o encontro Talentia Summit 19, impulsado polo Concello de Santiago, un evento empresarial e profesional centrado en ofrecer pontes firmes entre estes dous ámbitos e, tamén, entre eles e o eido da innovación e as tecnoloxías. A cita, que proseguirá hoxe e mañá no Palacio de Congresos, abriuse no Auditorio de Galicia, pola tarde, coa xornada de conferencias estratéxicas. Participaron, entre outros, a ministra de Economía e Empresa en funcións, Nadia Calviño, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
O rexedor compostelán, na súa benvida ás conferencias estratéxicas, fixo saber que “o único xeito de liderar o futuro é que as novas xeracións teñan un emprego de calidade”, e apostar por este tipo de emprego, dixo, é un dos grandes obxectivos de Talentia Summit, un evento que “sitúa Compostela no cerne da reflexión e acción arredor do talento e das novas formas de emprego”. Ao fío disto, puxo o foco no privilexiado emprazamento de Santiago: “A nosa óptima situación xeográfica dentro de Galicia; o equilibrio do noso tecido produtivo -integrado por pequenas e medianas empresas que son potenciais xeradoras de emprego hoxe e para o futuro próximo-, o sector cultural, o turismo ou o ámbito sanitario, entre outros, cunha Universidade especializada e punteira; todo isto debe situar a Santiago nun centro de oportunidades”.
Pola súa banda, Núñez Feijóo lembrou na clausura das xornadas que un dos grandes obxectivos do Goberno galego é “impulsar o talento e a formación como base para converter a tecnoloxía nunha oportunidade de futuro”. Segundo recordou, para acadar este obxectivo, “a Comunidade conta cunha escola pública cunha estratexia STEM, con plans plurilingües para todos os niveis educativos, cunha formación profesional dual e cun mapa de titulacións que adapta o traballo das universidades ao que a sociedade demanda”. Feijóo fixo fincapé na excelencia galega nos ámbitos do motor e aeronáutica, por poñer uns exemplos, e avogou por seguir avanzando en novas tecnoloxías, ámbito no que se está a traballar desde a formación e a innovación.
Nadia Calviño sinalou que a educación é “un elemento clave para o desenvolvemento do talento, e nun mundo cada vez máis competitivo é moi importante”, dixo, “aproveitar e xestionar correctamente un dos nosos activos máis importantes: o talento”. A ministra tamén se referiu á transformación dixital e recordou que “en España temos un crecemento estábel e cuns fundamentos da economía máis sólidos ca en períodos anteriores”. Porén, recoñeceu que existen desafíos, como as taxas de paro, os altos indicadores de desigualdade, o cambio climático, o desafío tecnolóxico e o despoboamento. Para encarar isto apelou “á sensibilidade social e ás reformas que permitan seguir medrando de xeito sustentábel”.
José Luis Pérez Pla, consultor director en Cegos e responsábel da Escola de Excelencia Comercial de Telefónica, lembrou no seu relatorio A xénese do talentum, desde unha unidade monetaria ao motor das organizacións e a sociedade que o talento “ten valor, e que todas as persoas o teñen”. Cómpre descubrir, dixo, “ese talento, esa suma de habilidades, ese coñecemento e, sobre todo, esas aptitudes”. Rematou incidindo: “Desenvolvamos e traballemos ese talento”.

Os relatores Buyolo, Pérez Pla e Ruíz

Miguel Ángel Ruiz, responsábel de Estratexia de Marca e Innovación de Samsung España disertou sobre A misión dunha compañía tecnolóxica líder nun mundo cada vez máis disruptivo, global e dixital. Sobre as novas tecnoloxías sinalou que aínda "non estamos preparados", sobre todo a nivel de formación. E que as prazas a nivel laboral en España e en Europa non se cubren.
Pola súa banda, Federico Buyolo, director xeral da Oficina da Alta Comisionada para a Axenda 2030, impartiu o relatorio Axenda 2030, acción de goberno e políticas públicas, na que fixo fincapé na importancia de conciliar as axendas urbanas, coas políticas sociais, económicas e medioambientais para, con talento, educación e creatividade, acadar un futuro para este mundo tan desigual.
Sonia Mulero, directora da Fundación Banco Sabadell, conversou coa presentadora Silvia Jato sobre coñecemento, innovación e talento, “como piares do cambio”. Mulero sinalou que hai moito talento feminino, o que permitirá “romper os teitos de cristal”.
Pola súa banda, Jaime de Nardiz Pérez, director de diagnóstico cultural de Great Place to Work falou sobre Competencia universal polo talento, tendencias presentes e futuras para a xestión de persoas. Na súa intervención, salientou a importancia do lugar de traballo na expresión do talento: persoal implicado, asignación correcta de funcións, cumprimento de promesas e recoñecemento do traballo.
Paul Tran, director de Recursos Humanos de Hijos de Rivera, S.A buscou respostas á seguinte pregunta: Que pasos seguimos para ser un mellor lugar onde traballar? Asegurou que “implantar una cultura de empresa orientada cara as persoas precisa do compromiso da dirección, pero é un labor de todos os empregados”. Cómpre, engadiu, “integrar ás persoas nesa estratexia”.
O relatorio final veu da man de Javier Sirvent, evanxelista tecnolóxico. Baixo o título Nunca fixeramos cambios tan rápidos nas nosas vidas, pero xamais volveremos ir tan amodo”, disertou sobre a velocidade dos cambios tecnolóxicos co exemplo do 5G e as novidades que traerá a nivel social. “O pasado é historia e o futuro apaixonante. Aproveitade o momento actual”, rematou.

PUBLICIDADE