Taboola merca Outbrain para conseguir un maior peso no mercado publicitario en liña

venres, 4 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos numerosos medios en liña incorporaron ao pé das súas novas un bloque de titulares e miniaturas con aparencia de ser parte da súa propia páxina web, pero que realmente son cebos con titulares escandalosos que buscan simplemente captar a atención do lector e provocar que faga clic sobre a información xerando así un impacto que xera un retorno económico, ou sexa, que estamos ante o que podemos considerar como publicidade disfrazada de información, o que resulta un negocio bastante rendible pese a que moitos o consideren reprobable (chegando a consideralo lixo).

Yaron Galay (Outbrain) e Adam Singolda (Taboola)

Os principais provedores do que chaman publicidade nativa son Outbrain e Taboola (plataformas moi empregadas pola prensa española), e dado as similitudes de ambos negocios parece natural o anuncio da súa fusión, asegurando que ao combinar ambas empresas poden competir no mercado publicitario con xigantes como Facebook e Google.
O novo conglomerado chega a preto de 2.000 millóns de persoas cada mes, e pasará a ser controlado por Adam Singolda, fundador e director xeral de Taboola, que será a marca que se empregue como referencia. O cadro de dirección da fusión de ambas empresas estará formado polos directivos das dúas compañías, aínda que a fusión das mesmas non será de vez, senón que desenvolverase durante 12 meses dende o peche da operación. Os accionistas de Outbrain recibirán un 30% das participacións da compañía resultante, xunto a 250 millóns de dólares en efectivo.

Os fundadores de Taboola e Outbrain escenificando a fusión das compañías

PUBLICIDADE