TRAGL, un curioso tradutor de 30 idiomas producido en Europa

venres, 15 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Pese a que os smartphones contan con aplicacións de tradución, cada vez son máis os proxectos de micromecenado que buscan facilitar o proceso, e así agora temos en Indiegogo o TRAGL, un tradutor mans libres en tempo real que chega dunha compañía de Andorra e que parte dun prezo de 188 dólares (162 euros) máis gastos de envío.
Estamos ante un trebello un tanto aparatoso, xa que consta dun auricular semellante ao de moitos mans libres para o móbil, pero optar por separar o micrófono da orella para achegalo á boca, o que fai que sexa moi visible, aínda que tal decisión de deseño non é arbitraria, senón que vén determinada en boa medida pola incorporación no mesmo elemento dun microaltofalante, de xeito que o usuario escoita o seu idioma polo auricular, pero o seu interlocutor escoita o que responde o tradutor a través deste elemento situado xunto a boca do usuario, de xeito que sería o máis semellante a falar cara a cara na mesma lingua.
O TRAGL integra unha batería no seu auricular, comunícase por Bluetooth 5.0, integra micrófono para a cancelación de ruído activa (algo moi importante para que o sistema poida entender ben o que ten que traducir) e pode traducir até 30 idiomas en liñas e 10 idiomas sen conexión á Rede (árabe, chinés, inglés, francés, alemán, xaponés, ruso, turco, coreano e español).
Os responsables desta campaña de micromecenado pretenden enviar as primeiras unidades aos mecenas a finais do mes de outubro, e cómpre advertir que, pese a que o produto estea anunciado como un tradutor, realmente a tradución corre a carga dunha aplicación que levamos no móbil (iOS ou Android), de xeito que o dispositivo é principalmente un competidor un tanto voluminoso dos Google Pixel Buds, que como vantaxe ten o poder funcionar con máis móbiles que o Google Pixel 2.

Demostración feita cun prototipo do TRAGL

PUBLICIDADE