TP-LINK leva o seu PLC ata o xigabit

martes, 14 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

A familia de produtos con tecnoloxía PLC de TP-LINK está a medrar, dobrando a velocidade dos actuais 500 Mbps ata unha impresionante velocidade máxima de 1 Gbps, facendo que as comunicacións baseadas en redes eléctricas poidan estar á altura de redes informáticas cableadas, o que resulta especialmente interesante de cara á retransmisión de vídeo de alta definición (que preciso dun largo de banda importante).
O primeiro produto doméstico en contar con esta nova xeración de PLC será o TP-LINK TL-PA8010, que está dentro do estándar Home Plug AV2, polo que será compatible con outros equipos de anteriores xeracións. Ofrece seguridade AES de 128 bits e ten un alcance de 300 metros. Está previsto que chegue ao mercado este mesmo trimestre a un prezo por determinar.

PUBLICIDADE