TERA xa está dispoñible como Free-to-Play en Europa

mércores, 6 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

O xogo masivo en liña The Exiled Realm of Arborea, coñecido popularmente como TERA, desenvolvido por Bluehole Studio e estreado en Europa en maio de 2012, comeza forte o ano cunha profunda renovación que supón o seu cambio de nome (por TERA: Rising) e modelo de negocio (agora Free-to-Play) de xeito que xa podemos acudir á súa páxina web para descargar o xogo de balde e participar nunha infinidade de combates en tempo real.
Os actuais subscritores de TERA gozarán de vantaxes en TERA: Rising como vén a ser habitual neste tipo de transicións de modelo, e aínda que o xogo será totalmente de balde, é posible pagar por distintos elementos que permitan progresar con maior velocidade con elementos de axuda, monturas ou maior número de oportunidades para entrar nos alxubes.
Aparte de pasar a Free-to-Play, TERA: Rising tamén recibiu novos contidos estes días, como un novo alxube (Crucible of Flame), unha nova area para enfrontamentos de 3 contra 3, novos desafíos e novos premios para os usuarios. Durante as últimas hora tamén realizaron tarefas de mantemento nos servidores do xogo, que ampliaron a súa capacidade para poder atender ao previsible incremento de uso tras pasar a ser de balde.


Novo trailer de TERA: Rising

PUBLICIDADE