TCL deixará de fabricar móbiles da marca BlackBerry

luns, 3 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Tras anos sumidos nunha profunda crise, dende BlackBerry optaron por pechar un acordo de licenzamento da súa marca con TCL Communication Technology Holdings Limited ao remate de 2016, de xeito que a compañía chinesa pasaría a encargarse do deseño, fabricación, comercialización e servizo de atención ao cliente dos smartphones da marca BlackBerry.
Nestes algo máis de 3 anos comercializaron varios smartphones entre os que destacaban especialmente os que contaban con teclado QWERTY, característica practicamente extinguida ante as bondades das pantallas táctiles actuais e os teclados virtuais, que fan que a demanda dun teclado físico completo nun smartphone sexa practicamente residual. Pero estes smartphones non tiñan como reclamo unicamente o teclado e a marca, senón tamén a promesa dunha maior seguridade fronte a outros dispositivos, co que querían xustificar uns prezos moi superiores aos da competencia, o que semella que non convenceu ao público, xa que a presenza no mercado de BlackBerry é practicamente invisible, de aí que non sorprenda o último comunicado da marca, no que recoñecen que o acordo con TCL remata o vindeiro 31 de agosto, data tras a que o fabricante chinés non poderá fabricar ou vender novos dispositivos BlackBerry, aínda que continuarán a ofrecer servizo de atención ao cliente e garantía até o 31 de agosto de 2022.
Co remate da alianza entre BlackBerry e TCL podemos dar por finalizada a vida da marca BlackBerry no mercado dos smartphones, xa que dificilmente outra compañía quererá fabricar teléfonos dunha marca que nos últimos anos demostrou carecer de tracción dabondo como para poder arrastrar a usuarios afeitos aos teclados QWERTY ou a simples nostálxicos que buscan distanciarse das tendencias actuais.

Comunicado que semella a acta de defunción dos smartphones da marca BlackBerry

PUBLICIDADE