Super Meat Boy chegará a iOS totalmente renovado

luns, 2 de abril do 2012 Marcus Fernández

O xogo independente Super Meat Boy, deseñado por Edmund McMillen e Tommy Refenes (responsables do xogo en Flash Meat Boy no que se inspiraron) e desenvolvido polo Team Meat, conseguiu un grande éxito para Xbox 360, Windows, Mac OS X e Linux, e para poder continuar a aproveitar este concepto de xogo de quebracabezas nas que a habilidade e a perseveranza son chave para superar os seus moitos niveis, están a adaptalo a dispositivos móbiles con pantalla táctil, o que estará moi lonxe de ser unha conversión, senón que será un título totalmente novo que chegará inicialmente a iOS como Super Meat: Boy: The Game.
Dende Team Meat decidiron proceder deste xeito ante a imposibilidade de adaptar o preciso control do xogo orixinal a pantallas táctiles, e para evitar que a versión móbil de Super Meat Boy fose dunha calidade inferior, adaptarán os retos que terá que superar un pequeno anaco de carne para salvar á súa parella. O xogo non só terá unha nova xogabilidade, senón que tamén renovará os seus gráficos e son, ou sexa, que será totalmente novo, o que de seguro que agradecerán os seareiros de tal carismático personaxe, pois así a nova entrega achegará unha experiencia indédita.

PUBLICIDADE