Super Mario Run descargouse 2,85 millóns de veces no seu primeiro día na App Store

venres, 16 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Non hai dúbidas en que Super Mario Run será un dos xogos móbiles de máis éxito da historia, e para facernos unha idea da boa acollida que está a ter, dende Apptopia xa están a dar datos de descargas, estimando que durante o seu primeiro día o xogo sumou 2,85 millóns de descargas, o que é una cantidade impresionante, especialmente se a comparamos co feito de que o seu primeiro día Pokémon Go quedaran en 900.000 descargas (con 5,6 millóns de descargas no seu terceiro día), aínda que cómpre detallar que o lanzamento do xogo de Mario foi global, mentres que Pokémon Go está a ter un lanzamento por fases (de feito, aínda non está en todo o mundo).
Polo momento Pokémon Go é a aplicación con máis descargas na historia da App Store durante a súa primeira semana, pero é moi probable que en poucos días vexamos como Super Mario Run arrebátalle a coroa, aínda que a comparación non é xusta polas súas diferenzas en dispoñibilidade xeográfica, senón tamén polo feito de que Super Mario Run non é un xogo que poida gozarse plenamente sen gastar cartos, xa que para o seu desbloqueo hai que facer un pagamento de 9,99 euros, de aí que as súas descargas teñan un impacto moito máis importante (descoñecéndose polo momento a relación de descargas/compras que ten o xogo).
En calquera caso, a chegada de Mario ao iPhone non é algo que poida medirse só en descargas e cartos, senón que para Nintendo ten un impacto moi superior, xa que supón o inicio da distribución dos seus xogos entre un público moito máis amplo que o das consolas de videoxogos tradicionais, trazando un camiño que mudará a estratexia comercial da compañía nipoa para sempre.

PUBLICIDADE