Super Hydorah sairá á venda o 20 de setembro

mércores, 6 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A alianza entre o desenvolvedor independente Juan Antonio Becerra Locomalito e Abylight continúa a dar os seus froitos, e tras achegar a varias consolas de videoxogos unha versión comercial de Maldita Castilla, agora someten ao mesmo tratamento a Hydorah, un shoot’em up espacial de desprazamento lateral que pode lembrarnos a Gradius, Nemesis ou R-Type, pero feito na actualidade con aires retro, que xa ten data na súa versión comercial, Super Hydorah: o 20 de setembro.
Deste xeito xa podemos acudir á tenda de Xbox One para mercar de xeito anticipado o xogo a un prezo de 11,99 euros, mentres que en Steam temos xa a versión para PC listada, para que podamos colocala no punto de mira para que non se nos pase a data de lanzamento.
Super Hydorah é unha homenaxe aos xogos de naves da época das consolas de 16 e 32 bits, emulando a súa estética e contando cunha banda sonora de máis de 60 temas acorde ao estilo que imperaba naqueles tempos. A xogabilidade está moi depurada para permitir un control extremadamente preciso a través das 21 fases non lineais divididas en 35 subniveis (cos seus respectivos xefes finais), contando tamén con distintos modos de xogo.
O xogo conta con diferentes armas, power ups, perigos de diferente natureza (non só balas) e moitos outros detalles que fan que esteamos ante un título doado de xogar pero difícil de dominar, que para conseguir recrear dun xeito máis fiel o espírito da época permite activar un efecto no que a imaxe en pantalla imita a un vello monitor de tubo de raios catódicos (CRT).

Tráiler de Super Hydorah

PUBLICIDADE