Super Hydorah estrea versión para iOS

venres, 18 de maio do 2018 Marcus Fernández

Os xogos de Juan Antonio Becerra Locomalito continúan a chegar a máis plataformas grazas á colaboración con Abylight, e tras a transformación do matamarcianos Hydorah en Super Hydorah para saltar a ordenadores e consolas, temos agora que o xogo está dispoñible tan para iOS dende esta mesma semana, de xeito que xa poden gozar do mesmo os posuidores dun iPhone ou dun iPad.
Super Hydorah está á venda por 7,99 euros, ofrecendo a experiencia completa deste shoot’em up claramente inspirado en xogos como R-Type, que no seu salto ao móbil adaptou controis e xogabilidade, conseguindo facer accesible o xogo con pantalla táctil, aínda que tamén pode controlarse con mandos externos MFI.
Este novo xogo móbil chega con 2 modos de dificultade, conta con integración con Game Center (logros e marcadores) e ofrece niveis cun deseño non lineal e perigos diferentes en cada nivel, así como segredos que descubrir e múltiples finais.

PUBLICIDADE