Street Fighter V retoma mañá a súa beta

xoves, 27 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Tras superar con poucas incidencias as súas probas de estrés, Capcom considerou que xa tiña adaptado os seus sistemas para poder lanzar definitivamente as probas do modo multi-xogador en liña de Street Fighter V para PlayStation 4, que desenvolveranse durante cinco días, comezando este venres á medianoite e rematando o 2 de setembro ás 15:00 horas. Durante eses días é posible que haxa algún corte puntual para desenvolver labores de mantemento dos servidores (darán conta do estado dos servidores a través da conta @SFVServer en Twitter).
Este tempo limitado busca probar o sistema de xogo en liña de Street Fighter V, recompilando numerosa información que resultará de grande utilidade para axustar os sistemas de cara ao lanzamento definitivo do xogo.
Dende Capcom recomendan ter a consola conectada á Internet mediante cable para conseguir a conexión máis estable posible, así como evitar a descarga de ficheiros durante o xogo en liña, consellos que normalmente poden aplicarse a calquera xogo en liña, pero que durante os períodos de proba resultan moito máis importantes.
Aparte da limitación de calendario, a primeira beta de Street Fighter V tamén presenta un grupo reducido de loitadores, composto por Ryu, Chun-Li, Nash, M. Bison, Cammy e Birdie, o suficientemente variados para probar distintos ritmos de xogo e poder tamén facerse unha boa idea de como será o xogo final (que contará con 16 xogadores iniciais dos que 4 será totalmente novos na franquía de loita de Capcom).

Unha vella loitadora regresa á saga

Hoxe mesmo Capcom anuncia a incorporación dun novo personaxe ao cadro de loitadores de Street Fighter V. Trátase da loitadora R. Mika (tamén coñecida como Rainbow Mika) ausente da saga de Capcom dende Street Fighter Alpha 3, e que a vindeira fin de semana vai amosarse ao público na demo do xogo que poderá probarse na feira Pax Prime nos EE.UU., aínda que tamén podemos ver a esta loitadora no seu tráiler de presentación:

PUBLICIDADE