Street Fighter 30th Annivesary Collection terá un modo de xogo exclusivo de Switch

martes, 20 de marzo do 2018 Marcus Fernández

En decembro Capcom anunciou que preparaban o recompilatorio Street Fighter 30th Annivesary Collection, no que recollerán os 12 xogos que representan as tres primeiras grandes iteración da saga de Street Fighter, contando con xogo en liña en 4 dos títulos, e enriquecendo esta antoloxía con contidos adicionais como un cronograma interactivo, un museo e un reprodutor musical que permite examinar a historia desta grande serei de xogos de loita.
Esta colección chegará con versións para PS4, Xbox One, Nintendo Switch e PC (Steam), pero no caso da última consola de Nintendo a edición incluirá unha grata sorpresa: o xogo Super Street Fighter II: The Tournament Battle, unha adaptación dunha máquina recreativa que consistía nunha versión de Super Street Fighter II na que conectábanse 4 máquinas en rede para permitir que até 8 xogadores puidesen participar nun torneo en forma de grupos.
Deste xeito, utilizando a conexión de xogo local sen fíos e até 4 consolas Nintendo Switch con até 8 mandos de control á vez será posible replicar tal experiencia para organizar competicións cos amigos. No caso de non poder contar con 8 xogadores a CPU controlará os postos restantes, ofrecendo así a mesma experiencia de torneo que se tivésemos 8 participantes humanos.
O lanzamento de Street Fighter 30th Annivesary Collection está previsto para o vindeiro 29 de maio, recompensando aos que compren anticipadamente o xogo para PlayStation 4, Xbox One ou PC (Steam) cunha copia dixital adicional de Ultra Street Fighter IV.

Vídeo no que presentan o modo de xogos de Street Fighter 30th Annivesary Collection que será exclusivo para Nintendo Switch

PUBLICIDADE