StepNote NC1501, un portátil económico e respectuoso co medio

venres, 27 de abril do 2007 Raquel Noya

VIA Technologies e Everex, dúas empresas especializadas no desenvolvemento de tecnoloxías e solución para plataformas PC e na produción de ordenadores persoais (respectivamente), veñen de presentar o portátil StepNote NC1501, froito dun labor de traballo en equipo que amosa que se poden fabricar equipos a prezos máis ou menos razoables sen ter que renunciar á calidade (ou polo menos ás mesmas funcións que inclúen outros ordenadores que dobran o prezo).
O StepNote inclúe o sistema operativo Windows Vista Home, pantalla de 15,4 polgadas con tecnoloxía Diamondbrite, rede LAN sen fíos incorporada e gravadora de DVD por un prezo que non supera os 499 dólares en Estados Unidos (367 € ó troco), o único país no que está á venda polo de agora.
Ademais, nas entrañas desta máquina atópase o procesador VIA C7-M, deseñado para ofrecer un mínimo consumo de enerxía, prestacións avanzadas de seguridade e rendemento de 1.5 XHz, con só 12 W de pico de consumo.
Estes portátiles da serie NC están pensados para axudar ós novos usuarios a reducir o consumo xeral de electricidade, de xeito que diminúa tamén o custo total de propiedade, e segundo John Lin, o vicepresidente de vendas de Everex, “a diferenza de outros produtos respectuosos co medio ambiente que van dirixidos a unha audiencia minoritaria, este dispositivo pode lograr un maior impacto medioambiental debido a que se trata dun produto de gran consumo atractivo para unha gran parte de usuarios”.
StepNote NC1501 está dispoñible en tódalas tendas nacionais da cadea Wal-Mart e en liña a través de BestBuy.com e de WalMart.com.

PUBLICIDADE