Steam permite acceder á versión alpha de The Waylanders

mércores, 17 de xuño do 2020 Marcus Fernández

En 2018 o estudio de videoxogos coruñés Gato Salvaje (internacionalizado agora como Gato Studio) anunciou que estaba a traballar en The Waylanders, un ambicioso desenvolvemento que teríase iniciado en 2017 e apostou pola senda do micromecenado para achegarse ao público, cunha campaña en Kickstarter que completouse con éxito, xuntando 168.999 dólares de 3.362 mecenas. Aínda non temos unha data concreta para saber cando este xogo será unha realidade, pero moitos dos seus patrocinadores, así como moitos outros xogadores de PC poden botar un ollo a este traballo en curso grazas ao seu desembarco en Steam con acceso anticipado.
O sistema de acceso anticipado permite gozar de xogos durante o seu desenvolvemento, o que supón que os títulos conteñen numerosos erros e carecen de moitas funcionalidades, o que no caso de The Waylanders percíbese especialmente a nivel de localización, xa que a versión de proba (alpha) á que pode accederse por 31,49 euros até o 23 de xuño (34,99 euros posteriormente) está polo momento unicamente en inglés, estando previsto que máis adiante reciba traducións ao francés, chinés, ruso, alemán, español e incluso galego.
The Waylanders está inspirado en clásicos como Neverwinter Nights 2 ou Baldur’s Gate, pero destacando por unha ambientación galega en dúas épocas diferentes (celta e medieval). Este xogo de rol fantástico presenta unha terra invadida por unha corrupción máxica, de xeito que veremos unha grande variedade de personaxes e criaturas, como lobishomes, trasnos, druídas e monstros sacados da cultura celta. Tamén innova con elementos xogables, como un sistema de combate estratéxico con formacións especiais e habilidades que permiten unha grande profundidade táctica.

Tráiler oficial do xogo

PUBLICIDADE