Startup Galicia publica un manifesto a prol do emprendemento, o talento feminino e as alianzas co eixo lusófono

luns, 6 de xullo do 2020 Sonia Pena

A asociación Startup Galicia (Startup.gal), comunidade aberta de emprendedoras e emprendedores galegas/os da innovación, vén de achegar a súa particular contribución a prol do emprendemento e a innovación nesta carreira pola Presidencia da Xunta na que estamos a día de hoxe mergullados, unhas eleccións que moveron ao colectivo a elaborar unha serie de propostas de acción para tratar de empurrar e desenvolver o ecosistema de empresas tecnolóxicas e innovadoras en Galicia. Froito deste labor de reflexión colectiva xurdiu un manifesto con 10 ideas concretas que a asociación vén de compartir coa comunidade internauta.
O manifesto é unha declaración anti-crise con iniciativas para plantar cara á COVID e as súas consecuencias. “Dende Startup Galicia cremos que o futuro do país e de todos nós vai depender de que saibamos crear un ecosistema emprendedor e innovador potente”, sinalan.
O decálogo, no que aposta por aumentar orzamentos á investigación, fomentar o emprendemento feminino e abrir máis e mellores canles de colaboración e irmandade cos países e mercados lusófonos (que por lingua e cultura nos son tan próximos) estaría constituído polos seguintes puntos:
1.- Aumentar o orzamento de I+D ao nivel das principais rexións europeas, favorecendo e potenciando a transferencia tecnolóxica.
2.- Crear unha política de innovación e emprendemento non só centrada no arco Atlántico ou nos grandes núcleos, senón tamén en contornas periféricas e rurais.
3.- Fomentar o emprendemento en feminino en particular, e a diversidade nas startups galegas en xeral. É preciso que as novas firmas innovaodoras galegas teñan equipos directivos máis diversos en xénero e procedencia.
4.- Facilitar a posta en marcha de iniciativas emprendedoras con itinerarios que combinen financiamento, formación e asesoramento, facendo fincapé na xeración de negocio e actuando especialmente na Formación Profesional e a Universidade.
5.- Facilitar o acceso a financiamento en todas as etapas da iniciativa emprendedora, especialmente nas fases iniciais (pre-seed). Mellorar o marco legal de investimento en xeral e en particular para business angels.
6.- Primeira venta: o Goberno galego como cliente e prescriptor dos produtos e servizos das startups, favorecendo tamén o encontro entre o tecido económico “tradicional” e as startups.
7.- Promover que os estudantes dominen linguas estranxeiras, especialmente inglés, chinés e portugués. Potenciar a proximidade entre galego e portugués e o achegamento a Portugal, camiño de entrada ao mercado lusófono con máis de 260M de persoas.
8.- Ollada exterior: favorecendo a presenza das startups galegas no mundo e estimulando o investimento foráneo. Sintonizar coas novas liñas estratéxicas da UE, nomeadamente o Pacto Verde, cara a unha innovación dixital e sustentable.
9.- Poñer en marcha políticas para evitar a emigración de traballadoras cualificadas e de atracción do talento galego na diáspora. Facer de Galicia un lugar atractivo para o desenvolvemento persoal e profesional para propios e foráneos.
10.- Ser responsábeis e transparentes, publicando indicadores obxectivos que sirvan para avaliar que medidas teñen impacto e cales non.

PUBLICIDADE