Star Wars Battlefront terá beta en outubro

martes, 1 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O xogo Star Wars Battlefront está a ser agardado con moita expectación, e finalmente non haberá que agardar ao seu lanzamento oficial para catalo lixeiramente, xa que anuncian que a primeiros de outubro van iniciar unha proba técnica do xogo para PS4, Xbox One e PC (Origin) que permitirá probar o modo multi-xogador de até 40 usuarios no asalto de Hoth, onde o usuario pode chegar a adoptar o rol de Darth Vader e de Luke Skywolker. A beta do xogo tamén incluirá unha misión de supervivencia en Tatooine, onde o xogador, xutno cun amigo rebelde, deberá enfrontarse ás forzas imperiais.
Como parte da beta de Star Wars Battlefront tamén presentarán a experiencia Star Wars Battlefront Companion, dispoñible na páxina oficial durante a beta, e que ofrecerá o xogo de cartas de estratexia Base Command que permitirá gañar créditos no xogo que desbloquearán Star Cards, armas e moito máis dentro de Star Wars Battlefront. Esta plataforma en liña tamén permitirá que os xogadores poidan comprobar as súas estatísticas de xogo e progresos, personalicen os seus aspectos, conecten cos amigos e obteñan notificacións cando xoguen a Star Wars Battlefront. Antes do lanzamento do xogo Star Wars Battlefront Companion estará dispoñible para a súa descarga na App Store e en Google Play, para que os xogadores poidan empregar este complemento dende os seus dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE