Stadia «non será un Netflix de videoxogos»

venres, 19 de xullo do 2019 Marcus Fernández

O director de produto de Google Stadia, Andrey Doronichev, participou nunha sesión de preguntas en Reddit, deixando claros algúns conceptos sobre o servizo de streaming de videoxogos e Google, como o feito de que a opción de pagamento, Stadia Pro, non será «un Netflix de videoxogos» como algúns deron a entender, senón que pareceríase máis a Xbox LIVE Gold ou PlayStation Plus, ou sexa, que non ofrecerá un catálogo de xogos de balde, senón que podería ofrecer un xogo ao mes, comezando por Destiny 2.
Doronichev deixou claro que o pagamento do servizo é para recibir imaxe en 4K con HDR, son 5.1, descontos e só algún xogo de balde, pero non debería confundirse con servizos como Xbox Game Pass ou PlayStation Now e, de feito, é compatible con servizos nesa liña, de xeito que se queremos gozar dun catálogo de xogos mediante subscrición a través de Stadia teremos opcións como UPlay+, que botará a andar en PC en setembro para incorporarse máis adiante ao servizo de streaming de Google.
Aparte de ter xogos con maior calidade, Stadia Pro inicialmente terá un bo número de usuarios porque será o xeito de poder acceder preferentemente ao servizo, xa que a modalidade básica (de balde) non chegará até 2020 (mentres que Stadia Pro botará a andar en novembro).

PUBLICIDADE