Splinter Cell: Blacklist incluirá un avión teledirixido na súa edición para coleccionistas

luns, 28 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Os xogos de alto presuposto chegan moitas veces con espectaculares edicións dirixidas a coleccionistas que compiten cada ano para gañar a atención do público, e parece que este ano vai ser o xogo Splinter Cell: Blacklist o título que vai levar o gato á auga coa súa edición limitada Paladin Multi-Mission Aircraft Edition que aparte do agardado xogo baseado na franquía creada por Tom Clancy, incluirá un comic (Tom Clancy’s Splinter Cell: Echoes), un poster, un mapa cooperativo exclusivo, un lote de contidos descargables adicionais e, como detalle máis representativo, un avión teledirixido Paladin C-147B. O prezo desta impresionante edición será de 169,99 dólares nos EE.UU. e chegará o 20 de agosto para Xbox 360 e PlayStation 3 (o xogo para PC non gozará desta coidada edición especial), aínda que en Europa teremos que agardar un par de días máis para ver o xogo e non sabemos se poderemos contar con esta mesma edición ou unha semellante.
Aparte deste xogo de Splinter Cell, a franquía ten actualmente en desenvolvemento unha película cinematográfica que podería estar protagonizada por Tom Hardy, polo que é moi posible que as aventuras de Sam Fisher cobren relevancia nos vindeiros meses.

A edición para coleccionistas do xogo incluirá un avión teledirixido

PUBLICIDADE