Spider-Man: Dimensions</Em> chega ás tendas españolas

venres, 10 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Spider-Man terá a Kraven coma un dos seus primeiros inimigos a superar nesta nova aventuraNos últimos meses temos falado bastante de Spider-Man: Dimensions, xogo que finalmente chega hoxe ás tendas españolas nas súas versións para Xbox 360 e Playstation 3 a un prezo recomendado de 70,95 euros, así como para Wii (50,95 euros) e Nintendo DS (40,95 euros), mentres que da edición para PC aínda non sabemos nada.
Este novo xogo destaca por mesturar nunha única historia 4 universos paralelos cun Spider-Man en cadanseu, partindo dunha versión tradicional do Home Araña (Amazing) aos que se suman unha versión co traxe alieníxena (Ultimate), outra ambientada nos anos 50 (Noir) e unha futura (2099), que guiados pola medium mutante Madame Web a través de distintas misións nas que enfrontarse a inimigos moi coñecidos coma Kraven, Matanza, Masacre, Hammerhead… na procura das distintas pezas que conforman a Táboa da Orde e o Caos, obxecto místico que Spider-Man rachou accidentalmente nun enfrontamento con Mysterio.

O Spider-Man Noir deixa a acción pura a un lado e empregará o sixilo para rematar cos distintos inimigos que saian ao paso

Aparte de ambientacións diferentes segundo o personaxe que manexemos, cada versión de Spider-Man ten un sistema control diferente, de xeito que a encarnación Amazing sería a máis tradicional, lembrando os xogos do personaxe que puidemos gozar nos últimos anos, levada a un nivel máis brutal ao completarse co simbionte que deu lugar a Venom en Ultimate, e contrastando coas mecánicas de xogo de 2099 (acción pura) e Noir (sixilo). Esta variedade vai guiada por unha historia, aínda que o xogador poderá decidir a orde na que salta polos distintos universos o que é moi de agradecer.
Non faltan as sorpresas no xogo, e así non sempre teremos que saltar e golpear, senón que durante a aventura haberá que resolver sinxelos enigmas, e contaremos con secuencias que actúan coma mini-xogos, coma combates nos que pasaremos a empregar unha perspectiva primeira persoa (tendo que combinar golpes con evasións) e incluso secuencias nas que evitar os disparos dun francotirador, aproveitando os tiros errados para derribar árbores que permitan seguir avanzando no xogo. Detalles que claramente enriquecen a experiencia de xogo e evitan a repetición de mecánicas que poderían chegar a aburrir.
A xogabilidade deste título é notable, superando a moitas das últimas entregas desta franquía e fuxindo da mecánica sandbox que non pareceu convencer moito nas mesmas, pero resulta aínda máis destacable o seu aspecto gráfico, cunhas escenas cinemáticas de calidade soberbia (tanto na animación coma no detalle gráfico) e ambientacións carismáticas, de xeito que mediante cel-shading conséguese dar unha aparencia de debuxo animado ás fases de Amazing e Ultimate, mentres que en 2099 temos uns deseños moi futuristas con máis aspecto de videoxogo actual e en Noir a escuridade e unha paleta de cores que fuxe do cromatismo consegue recrear axeitadamente os comics nos que se basea (lembrando tamén ao cine negro).
No apartado sonoro, sobra dicir que é correcto (acompañado por unha banda sonora bastante apropiada), aínda que moitos xogadores botarán en falta a dobraxe ao español (suplida por subtítulos), aínda que grazas a contar coas voces en versión orixinal podemos escoitar ao propio Stan Lee (co-creador de Spider-Man) coma narrador da historia, á vez que a voz de Spider-Man está interpretada polos mesmos actores que fixeran tal en distintas series de animación do trepamuros.
Posiblemente esteamos ante o mellor xogo de Spider-Man da presente xeración de consolas (imprescindible para o lectores do personaxe da Marvel), aínda que habería que destacar que a versión de Nintendo DS non foi obra de Beenox, senón que correu da man de Griptonite, compañía que adaptou o título a un público máis infantil (PEGI +12) e cunha mecánica moito máis sinxela, pero que non deixa de ser un xogo bastante atractivo coma podemos ver no seu trailer:


Trailer de lanzamento de Spider-Man: Dimensions

Amazing Spider-Man é a encarnación máis clásica que estará dispoñible en Spider-Man: Dimensions
O reducido cromatismo dá unha ambientación claramente diferenciada nas fases de Spider-Man Noir
O Ultimate Spider-Man pode empregar a rabia do simbionte que forma o seu traxe negro para lanzar impresionantes ataques
A versión futura de Spider-Man 2099 é a única na que Peter Parker non está detrás da máscara, polo que teremos un personaxe cun carácter e unha historia moi diferentes ao que estamos afeitos

PUBLICIDADE