Soul Calibur IV permitirá editar os personaxes do xogo

luns, 23 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Dous loitadores personalizados enfrontándose en Soul Calibur IV

Soul Calibur IV non quere destacar só por incorporar a personaxes de Star Wars nesta nova entrega, senón que tamén busca engadir características que agradezan os seus seguidores máis fieis, e aparte do feito de que as roupas e armaduras dos personaxes poidan sufrir danos, agora sorprenden coa posibilidade de personalizar a aparencia dos personaxes dun xeito inédito nesta popular saga de loita.
Dende Kotaku presentan unha galería de modificación un tanto ridículas coas que poderiamos manexar a unha rapaza vestida de vaqueira, a un samurai negro co pelo ao afro, unha moza disfrazada en plan pirata, roupa cun certo aquel a Naruto, guerreiras con orellas de gato, samurais con cornos, e moitas outras variantes que engadirán diversidade ao xogo que debería chegar ás tendas o 31 de xulo.

No Xapón apostan polos personaxes de Star Wars para promocionar o novo xogo de loita

No Xapón tamén lanzan Soul Calibur IV o 31 de xullo a un prezo de venda de 7.800 iens (uns 46,8 euros) e para resultar máis rechamante nas súas portadas para PS3 e Xbox 360 presenta aos personaxes de Darth Vader e Ioda respectivamente (enfrontándose a outros personaxes tradicionais da saga, coma Mitsurigi e Ivy).
Esta aposta promocional se está a ver mal por parte de certos xogadores que pensan que os novos personaxes poderían desvirtuar a saga, pero para os xogadores máis casuais a sona de Star Wars podería ser o elemento que os levase a adquirir este novo título que promete acadar un rotundo éxito en vendas.

PUBLICIDADE